DUVI

Diario da Universidade de Vigo

atlanTTic participa como socio do proxecto europeo Retina

6,2 millóns de euros para desenvolver sensores fotónicos de próxima xeración con aplicacións en sanidade, automoción e agricultura

Entre outras aplicacións, mellorarán a identificación de células tumorais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 08/03/2024

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, é un dos 13 socios que participan no proxecto europeo Retina, un traballo dirixido a desenvolver dous sensores baseados en tecnoloxías fotónicas para mellorar diferentes procesos no ámbito da saúde, a automoción e a agricultura, dende a identificación de células tumorais e monitorización da perfusión sanguínea en cirurxías, na área da saúde, ata sistemas avanzados de detección de colisións de vehículos ADAS (Sistemas Avanzados de Asistencia ao Condutor) en automoción, pasando por plataformas terrestres e montadas en drons para viticultura de precisión.

O proxecto, que arrancou o pasado mes de decembro e durará catro anos, conta cun orzamento de 6,2 millóns de euros e está coordinado polo centro tecnolóxico AIMEN. O obxectivo é desenvolver un concepto novidoso de tecnoloxía LiDAR baseado en PIC altamente escalable, desenvolver xeradores de imaxes espectrais instantáneas para sistemas sensoriais rendibles e de alta resolución, establecer técnicas de software innovadoras e servizos para o despregue dunha plataforma de detección baseada en aplicacións fiables e precisas, e apoiar o liderado tecnolóxico do ecosistema fotónico da UE impulsando o crecemento en industrias estratéxicas.

Solucións baseadas na tecnoloxía LiDAR

Francisco Díaz Otero, investigador de atlanTTic e líder do proxecto na UVigo, destaca que Retina desenvolverá os seguintes xeradores de imaxes, un sistema LiDAR fotónico integrado nun chip para capturar imaxes en 3D e sensores de imaxes baseados en Quantum-Dots para aumentar o rango espectral e a sensibilidade á luz. 

No marco deste proxecto crearanse dous tipos de sensores distintos desta tecnoloxía que demostrarán as vantaxes da fotónica fronte aos sistemas tradicionais, nos que os circuítos electrónicos onde se representa a información se procesan mediante sinais eléctricas a diferenza dos sistemas fotónicos, onde se emprega a luz e son capaces de transmitir e procesar a información dun xeito máis rápido.

“LiDAR é unha tecnoloxía que utiliza luz para detectar/mapear as dimensións de obxectos en 3D. Ao aplicar a fotónica aos sistemas LiDAR, permítenos reducir o tamaño do sistema LiDAR para que caiba nun só chip. Ademais, podemos lograr moitos outros beneficios, como maior resolución espacial, menor consumo de enerxía, detección de obxectos en movemento ademais de obxectos estacionarios e supresión do ruído de fondo (luz)”, explica Francisco Díaz.

Rol estratéxico do QOPHI Lab de atlanTTic

O traballo que levará a cabo do equipo do laboratorio QOPHI (Quantum, Communication, Photonics & Integration) de atlanTTic, do que forman parte Francisco Díaz, director do laboratorio, Francisco Soares, David Álvarez e Miguel Carbonell Valin, permitirá establecer sinerxías coa coordinación do proxecto e co resto de socios participantes a nivel internacional.

Nesta liña, desde o laboratorio sinalan que en Retina “demostrarase que a través da colaboración directa entre desenvolvedores e fabricantes de solucións fotónicas, persoal experto en procesado de datos, intelixencia artificial e líderes de sectores estratéxicos, pódese dirixir o desenvolvemento áxil de sistemas sensoriais personalizados e o seu despregamento e validación en contornas operativas que abarquen solucións de hardware e software. Ademais, mostrarase o potencial de adaptabilidade, escalabilidade e transferencia destas solucións baseadas na fotónica ao abordar unha serie de necesidades industriais de maneira eficiente e rendible”. 

Socios de sete países

O consorcio está composto por socios académicos, pequenas e medianas empresas e grandes actores clave de sete países da Unión Europea: catro RTO (a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste en España; o IMEC en Bélxica; a Universidade de Vigo e o Instituto Fraunhofer Heinrich-Hertz, en Alemaña); unha grande empresa (Quest Medical Imaging B.V, nos Países Baixos), cinco pemes (Photonfocus AG de la Suissa, Aeromedia Uav SL e Abraia Software SL de España, Xenomatix de Bélxica, e Tematys de Francia), dúas asociacións empresariais (a Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense de Portugal, e o European Photonics Industry Consortium de Bélxica) e un hospital (o Leiden University Medical Center, dos Países Baixos).