DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sexta edición do Campionato Galego Universitario de Xadrez

70 xadrecistas buscaron no campus a súa "coroa universitaria"

A competición dividiuse en dúas categorías, a de promoción con 52 xogadores e a absoluta con 18

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 14/03/2012
O campus de Vigo acolleu a sexta edición do Campionato Galego Universitario de Xadrez, unha proba na que se ven as caras xogadores e xogadoras das tres universidades galegas para poñer a proba as súas destrezas. Na competición que se dividiu en dúas categorías, promoción e absoluta, un total de 70 xadrecistas pertencentes ao alumnado, ao PDI e ao PAS enfrontáronse nunha batalla por impoñer as tácticas e estratexias previamente estudadas. A calidade e nivel fixo que a xornada se prolongara a máis de oito horas, poñendo a proba a fortaleza e a resistencia tanto física como mental dos participantes.

Nesta edición do campionato a categoría absoluta contou cun total de 18 participantes xa que “hai que falar dun retroceso anunciado. A supresión do Campionato de España de Xadrez 2012 fixo que moitos dos xogadores que centraban a súa tempada na loita polas prazas outorgadas no campionato galego, renunciasen a súa participación” indica Pablo García, coordinador da Sección de Xadrez da Universidade de Vigo. Malia esta situación, a calidade dos xadrecistas deixouse ver nunha xornada dominada polos representantes da Universidade de Santiago de Compostela, que viron como o seu xogador Xosé Luís Abel era coroado como Campión Galego Universitario de Xadrez 2011.

Vigo, bronce na categoría promoción

A categoría de promoción contou cun total de 52 xogadores que ven neste campionato unha gran oportunidade para os xogadores con talento xa que, como indica García, “permite que aqueles xadrecistas que practican dende pequenos, os que xogan de cando en cando ou os que dan os seus primeiros pasos a través das Escolas Deportivas, se acheguen ao mundo da competición”. Nesta edición destaca o xogo realizado por Daniel Gil, que se fixo co bronce da categoría permitindo así que a Universidade de Vigo, que participaba con 55 xogadores, acadara o terceiro posto por universidades.

Presenza feminina en auxe

Aínda que a presenza de xogadoras nos campionatos de xadrez é moito menor ca masculina na maioría dos casos, nesta edición do Campionato Galego Universitario rompéronse as expectativas, triplicando a media establecida de participación e acadando o 17,14% do total.