DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Congreso Iberoamericano de Peloides

75 expertos internacionais disertarán en Baiona sobre os últimos avances en termalismo

Presentarán as múltiples aplicacións terapeúticas de barros e limos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 30/10/2007
O estudo e aplicación de peloides (barros, fangos, limos...) en centros termais vai ser o eixe central do I Congreso Iberoamericano de Peloides. Organizado polos profesores do Departamento de Física Aplicada da Universidade, reunirá a vindeira semana en Baiona a 75 expertos de países iberoamericanos, Francia e Italia en todas as áreas relacionadas co desenvolvemento e aplicación de lamas no ámbito do termalismo e a saúde e o benestar.
Segundo se expuxo na presentación do congreso, que tivo lugar este martes en Baiona, España e, concretamente Galicia, é pioneira no tema do termalismo e está moi implicada no que se coñece como turismo de saúde: talasoterapia, termoterapia, presoterapia ...
“Todos estes temas son especialmente importantes, sobre todo porque temos moitos centros e hai tradición. No tema concreto dos peloides tamén temos experiencia, pois sempre se empregaron os barros, aínda que sexan máis coñecidas as augas”, sinalaba José Luis Legido, presidente do comité organizador. “Aquí hai un potencial moi grande, tanto en barros como en limos, pois temos unha liña costeira moi longa cunha franxa intermareal ampla e aí podemos ter un aproveitamento de limos importante para usos de talasoterapia. Ademais, tamén temos arxilas que teñen un elevado interese. Ao dispor de ambos elementos é doado facer mesturas para lograr preparados cunhas características termoterápicas moi interesantes”, continuou.

Últimos avances sobre a aplicación terapéutica destes recursos

Baixo a denominación de peloides, englóbanse todas aquelas mesturas entre un compoñente sólido e auga mineromedicinal, de mar ou de lago salino que se usa para diferentes aplicacións dentro de centros termais. Dependendo do que mesturemos na fase sólida e na fase líquida recibirán distintos nomes: por exemplo, se mesturamos unha terra de arxila cun auga mineromedicinal, xeralmente son barros, sen embargo, se mesturamos compoñentes de sedimentos mariños con auga de mar obteriamos un limo e, así teriamos unha serie de seis ou sete tipos diferentes de peloides.
A importancia dos peloides nos centros termais ten dúas facetas primordiais: a terapeútica e a económica. Desde o punto de vista terapeútico, o congreso afondará na súa eficacia e dará a coñecer os últimos avances científicos nesta materia. Desde o económico, trataranse diferentes cuestións sobre un recurso natural que, segundo o comité organizador, “é altamente especializado, pero aínda non está suficientemente desenvolto en Galicia, mentras que noutros países representa unha alta porcentaxe dos ingresos dun centro termal”.

Baiona, lugar de encontro

Esta reunión internacional, que se desenvolverá do 4 ao 7 de novembro, vaise celebrar no centro de talasoterapia Talaso Atlántico en Baiona “porque este lugar simboliza e sintetiza os obxectivos deste congreso, xa que é o punto de encontro dos continentes Europa e América, así como pola súa extraordinaria localización na costa atlántica, ademais no Talaso Atlántico practícase o termalismo máis avanzado a través da talasoterapia en estado puro”.

 

Web do congreso