DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A media de roteiros por persoa estivo en seis

780 participantes nas rutas culturais deste curso

O percorrido que máis gustou foi o realizado polo río Mao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/05/2018

A programación de rutas culturais que este curso levou a cabo a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo chegou ao seu fin e é momento de facer balance para a organización. José García-Calvo, Willy, coordinador destas andainas desde o campus de Ourense, sinala os bos resultados acadados, tanto en cifras, con 780 participantes nos doce roteiros celebrados e unha media de seis andainas por persoa, como na valoración do seu desenvolvemento tanto por parte da organización como das e dos participantes. 

O impacto da climatoloxía

En total, este curso académico celebráronse doce rutas culturais pola xeografía galega abertas á participación de membros da comunidade universitaria e cidadáns en xeral con gañas de camiñar en boa compaña e sobre todo de coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico máis próximo. “Este curso a programación foi moi diversa en destinos, pois mesturamos desde montaña a praia, e tamén na oferta de actividades culturais, pois houbo desde catas ata visitas a museos e a lugares de destacado valor natural”, comenta José García-Calvo. Unha vez máis, recalca, cumpriuse o obxectivo destas rutas culturais de “non camiñar por camiñar senón camiñar porque temos o obxectivo de coñecer algo”. Outra das características desta edición, engade o seu coordinador, “é que a climatoloxía, e non o prezo ou o percorrido, tivo unha intervención directa na elección ou non de cada ruta por parte dos participantes”. 

Os doce roteiros programados, sinala o seu responsable, “desenvolvéronse afortunadamente sen ningún tipo de incidencia” e a organización acadou unha puntuación de 4,8 sobre 5 nas enquisas realizadas. Sobre o perfil das e dos participantes, desde a  organización detallan que arredor dun 30% repetiu de cursos anteriores e un 70% foron persoas que se incorporaron por primeira vez a esta iniciativa, sendo un 50% membros da comunidade universitaria e outro 50% persoas alleas a ela. A media de idade, apunta José García-Calvo, estivo en arredor de 40/45 anos, sendo máis baixa no grupo procedente do campus de Vigo. “Para o vindeiro curso sería interesante incidir en dar a coñecer os roteiros entre o alumnado universitario, cuxa participación baixou nos últimos anos porque xa non teñen o aliciente coma antes de acadar créditos”, comenta o coordinador das andainas.  

Percorrendo as catro provincias galegas

Cunha media de 18 quilómetros por traxecto e 80 participantes procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo, os percorridos tiveron lugar principalmente nas dúas provincias que acollen campus da institución académica, como son as de Ourense e Pontevedra, completándose a programación con algunha incursión fóra delas. Os roteiros arrancaron o 21 de outubro co obxectivo de coñecer o patrimonio cultural, natural e vitivinícola do Ribeiro, comezando o traxecto en Castrelo de Miño e rematando cun baño nas Termas de Prexigueiro. Tras esta ruta, seguíronlle en 2017 outras polo río Mao e o xacemento arqueolóxico da necrópole de San Vítor de Barxacova e polos ríos de Mondariz, para rematar o ano como xa vén sendo tradición cun magosto en Loñoá despois de facer un percorrido pola contorna de Ourense. 

As rutas de 2018 iniciáronse cun percorrido por Cuntis. Tras el, arrancou o ciclo de montaña desta programación, formado por tres rutas consecutivas de dificultade media-alta que se desenvolveron por Montederramo, Manzaneda e a Serra do Candán. Rematado este ciclo, as andainas continuaron cunha visita ao Couto Mixto, ás dunas de Corrubedo e á praia das Catedrais. Por último, a programación rematou cunha fin de semana no Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés na que se premiou a algúns dos máis fieis seguidores dos roteiros universitarios, entre eles, destaca José García-Calvo, a Francisco Combarro, “pola súa solidariedade, compromiso e entusiasmo, entre outros moitos valores”. 

Froito das enquisas realizadas, o responsable das andainas sinala que a que máis gustou aos participantes foi a ruta polo río Mao e San Vítor de Barxacova; a máis numerosa foi a da praia das Catedrais, onde se acadou a cifra de 120 persoas procedentes dos tres campus e a menos numerosa a do Couto Mixto, con medio centenar de camiñantes. Mentres traballan xa na proposta para o vindeiro curso, desde a organización destacan o seu agradecemento a todas as entidades e persoas que dun xeito ou doutro e ao longo destes doce roteiros colaboraron con eles.