DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A fase autonómica celébrase este venres no campus de Vigo

80 estudantes de institutos de toda Galicia buscan clasificarse para a fase nacional da XIX Olimpíada de Bioloxía

Realizaron unha proba teórica e catro casos prácticos ao longo da mañá

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 23/02/2024

O campus de Vigo acolle este venres a celebración da fase autonómica da XIX Olimpíada de Bioloxía, da que sairán os tres estudantes que representarán a Galicia na fase nacional, que se terá lugar en Valencia do 18 ao 21 de abril.

Esta décimo novena edición da olimpíada celebrouse na Facultade de Bioloxía da UVigo, organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB), en colaboración coas tres universidades galegas e a Xunta de Galicia. En total, clasificáronse para a cita deste venres 80 estudantes de 39 institutos das catro provincias que, ao longo da xornada, tiveron en enfrontarse a unha proba teórica e catro prácticas. O fin das olimpíadas de bioloxía é fomentar os estudos relacionados con esta disciplina e promover o interese na investigación científica entre o estudantado do sistema educativo español.

A xornada arrancou co exame teórico tipo test e despois dun descanso comezaron coas probas prácticas de laboratorio sobre contidos de Bioloxía da ESO e de bacharelato, centrados na base molecular e fisicoquímica da vida. Nesta parte tiveron que enfrontarse a catro exercicios, un de bioloxía celular sobre identificación de células sanguíneas; outro de xenética; un terceiro de zooloxía centrado na identificación mediante claves de dúas especies de moluscos e un cuarto de fisioloxía animal sobre a tipificación de grupos sanguíneos. 

Conferencias de actualización científica para o profesorado

Paralelamente, os 42 docentes que acompañaron a estes mozos e mozas tamén tiveron unha serie de actividades de actualización científica programadas para eles da man de investigadoras do CINBIO. Por unha banda, a catedrática de Inmunoloxía da UVigo África González impartiu un relatorio sobre o sistema inmunitario, mentres que a tamén catedrática Diana Valverde ofreceu un relatorio sobre a comprensión e abordaxe das enfermidades raras dende a perspectiva biolóxica. No transcurso da xornada tamén se celebrou a reunión OEB-Galicia. Pola tarde, antes da entrega de premios, tanto estudantes como docentes puideron asistir a unha conferencia sobre o anisakis e os mitos e realidades sobre este parasito “mediático” impartida polo profesor da Área de Parasitoloxía Raúl Iglesias Blanco. 

O acto de clausura e entrega de diplomas celebrouse s 18.00 hora coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, que entregou os premios aos tres primeiros clasificados: Ariadna Valdés Fernández, do IES Río Cabe-Monforte de Lemos; Juan Brandariz Castro, do IES Eusebio da Guarda-A Coruña; e Sofía Martínez Diz-Lois, do IES Eusebio da Guarda-A Coruña, nesta orde.

Fase previa con récord de participación

As e os estudantes que este venres se citaron no campus de Vigo foron seleccionados nunha fase previa que tivo lugar o pasado 3 de febreiro. A proba, que se realizou en modalidade virtual, rexistrou un récord de participantes, con 402 alumnos e alumnas de 42 centros de toda Galicia. De entre eles saíron os 80 que participaron nas probas de hoxe, procedentes de 16 centros da provincia da Coruña, 3 da provincia de Lugo, 7 da de Ourense e 13 de Pontevedra. 

A fase galega da olimpíada conta co patrocinio de Principia Editorial, os Museos Científicos Coruñeses e Conservas Friscos.