DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da X promoción de Ciencias da Actividade Física e do Deporte

86 novos profesionais do deporte dispostos a gañar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 14/06/2012

O espírito de superación e o humor foron os principais ingredientes do acto de graduación da X promoción de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no que 86 novos egresados recibiron os seus diplomas e bandas desexosos de dar os primeiros pasos no mundo laboral. A cerimonia estivo encabezada pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, acompañada da decana da facultade, Francisca Fariña, do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e do adestrador de atletismo Mariano García-Verdugo, encargado de impartir a última lección.

A vicerreitora Antonia Blanco agradeceu aos novos titulados e tituladas que escolleran á Universidade para formarse como profesionais da comunicación. “Xa estades fóra, pero seguides formando parte desta institución. Désteslle vitalidade e espero que levedes o nome da Universidade de Vigo por todo o mundo, sentíndovos orgullosos de ter formado parte da mesma”, apuntou a vicerreitora. Pola súa banda, a decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte felicitou aos estudantes sen esquecerse de mencionar o esforzo e entrega de pais e nais “polo seu apoio incondicional nestes catro anos”. Recordou que esta promoción é a derradeira de licenciatura da facultade “e moi vencellada cos Xogos Olímpicos pois empezou cos de Pequín e remata cos de Londres”, sinalou. Para finalizar, recomendoulles que non tiveran medo ao futuro “pois igual que os deportistas, estades preparados para gañar”.

Consellos “atinados” do padriño de promoción

A parte máis emotiva do acto de graduación correu a cargo do padriño da X promoción, o profesor García Soidán que lembrou algunhas das anécdotas protagonizadas polos seus novos afillados e afilladas. Lanzoulles un consello, “non paredes de estudar, dedicádelle tempo á lectura, aos idiomas e mantede o espírito inquedo e observador para seguir progresando intelectualmente”. Dedicou unhas palabras en recordo do alumno Guillermo de Oca Montero, que faleceu nun accidente de montaña hai un ano “e que sigue estando na nosa memoria” e ao docente Francisco Sáez Pastor, "que se retira este ano". A última lección correu a cargo de Mariano García-Verdugo que relatou a súa experiencia profesional para salientar a necesidade de asumir novos retos “para triunfar” na vida. “Tendes que valer, poder e querer”, concluíu.

Na celebración tampouco faltou a música, pois o profesor Marco Lucato ao piano, acompañado dos alumnos Pablo Vaquero e Andrés Viana, interpretaron o tema Yesterday de The Beatles como canción de despedida e o Coro Universitario puxo o broche final coa entoación do Gaudeamus Igitur.