DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro 26 de febreiro

Aberto o prazo para solicitar as axudas ao estudo propias da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI 02/02/2024

Consciente de que parte do seu alumnado presenta diversas circunstancias económicas e familiares que lle impiden ou dificultan afrontar os gastos derivados da actividade académica e que lle poden afectar negativamente ao seu rendemento, a Universidade de Vigo publicou esta semana a convocatoria de axudas ao estudo correspondentes ao curso 2023/2024, un programa de bolsas propio da institución académica viguesa destinado a garantir que non se produza un abandono dos estudos deses alumnos e alumnas que presentan circunstancias económicas e familiares que lle impiden ou dificultan a continuidade dos seus estudos.

Destinaranse a estas axudas un máximo de 200.000 euros, e a contía máxima de cada bolsa será establecida pola comisión de selección e constará de dúas partes: dunha banda, o importe dos prezos públicos por servizos académicos das materias matriculadas en primeira matrícula, unha vez realizadas as exencións e bonificacións do pagamento dos prezos ás que teña dereito a persoa beneficiaria e, doutra banda, unha contía de residencia de ata 1000 euros no caso de acreditar a necesidade de residir fóra do domicilio familiar.

As persoas interesadas en solicitar unha destas axudas poden facelo ata o vindeiro 26 de febreiro na web da Universidade. Como requisitos a convocatoria establece, entre outros, estar matriculado nun mínimo de 42 créditos en titulacións oficiais de grao ou mestrado, incluíndo tanto os centros propios como os adscritos, así como ter superado no curso anterior, o 60% dos créditos matriculados nas titulacións de grao e 80%  nas de mestrado da rama de Enxeñaría e Ciencias; 70% no resto das titulacións de grao e 90% nas de máster no resto de titulacións.