DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o 15 de novembro

Abordaxe integral á violencia de xénero nun obradoiro no campus

Organizado pola Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos coa colaboración da Área de Igualda

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 03/11/2010
Estereotipos sociais e culturais, perfil e estratexias de violencia da persoa maltratadora, nenos e nenas como vítimas destas agresións, detección temperá... son algunhas das temáticas que se abordarán no obradoiro Abordaxe Integral da Violencia de Xénero que se desenvolverá o vindeiro 24 de novembro no Edificio Miralles a iniciativa da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo e a Área de Igualdade da Universidade.

Será un obradoiro de tres horas de duración que impartirá a psicóloga clínica Carmen Clavería Prada. “Trátase de favorecer a detección dos malos tratos para así favorecer a súa prevención”, subliñou a directora da Área de Igualdade da Universidade, Anabel Penín, que insistiu en que se trata dunha actividade aberta a toda a comunidade universitaria, na que xa se inscribiron arredor de dez persoas, “e na que poden seguir inscribíndose de forma gratuíta todas as persoas que estean interesadas ata o vindeiro 15 de novembro”.

Dende a experiencia adquirida en anos de traballo, tanto na atención directa ás mulleres que sofren malos tratos como na análise da realidade da situación da violencia de xénero e do contexto social onde esta ten lugar, dende a Rede de Mulleres fan fincapé na importancia que adquiren as accións preventivas, de detección temperá cunha mensaxe clarificadora e de mobilización social.

Unindo nun mesmo grupo tanto ao profesorado como ao persoal e ao alumnado, o obradoiro terá como finalidade a formación teórica de acordo ao esquema referencial da dinámica da violencia, interrelacionada con exercicios vivenciais que promovan o cuestionamento interno e a súa aplicación no ámbito relacional e profesional.

Formación de xénero para o novo profesorado

Como novidades deste curso dende a Área de Igualdade destacouse que por primeira vez o curso de Iniciación á formación para a docencia universitaria, dirixido aos novos profesores e profesoras da Universidade con reducida ou ningunha experiencia previa de ensino, incluirá unha xornada específica sobre a perspectiva de xénero na educación universitaria que impartirán as profesoras, Amada Traba e Luz Varela.

As persoas interesadas en participar no obradoiro sobre violencia de xénero poden enviar un correo a igualdade@uvigo.es e recibirán unha resposta coa fundamentación, estrutura teórica e metodoloxía do obradoiro.