DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario arrinca nas rúas de Ourense co espectáculo 'Enredados

Abran paso ao mellor teatro universitario que a Miteu xa chegou

Do 13 ao 28 de abril actuarán 29 compañías de once países diferentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 13/04/2012

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense Miteu  xa está aquí. Regresa unha primavera máis, a número 17, para encher os escenarios da cidade coas mellores representacións escénicas e coa ilusión e a maxia que crea o teatro. As Aulas Universitarias de Teatro do campus de Ourense Rosaura e Cordelia foron as encargadas de dar comezo este venres á mostra cos seus espectáculos Enredados e Escenas de Otelo. Con elas iníaciase unha intensa programación cultural que se prolongará ata o 28 de abril e na que participarán 29 compañías con outros tantos espectáculos procedentes de once países diferentes.

Tal e como salientou na presentación da Miteu Fernando Dacosta, o seu director, trátase da edición máis internacional desta iniciativa, que a pesar da crise e grazas ás facilidades ofrecidas polas compañías e o compromiso dos promotores, conseguiu un ano máis levantar o pano para ofrecer á cidade o mellor teatro feito nas aulas universitarias e fóra delas. O campus ourensán, como entidade patrocinadora xunto ao Concello e á Deputación de Ourense e Agadic, terá un papel protagonista nesta 17ª Miteu a través das pezas que interpretarán as súas aulas de teatro e acollendo nas súas instalacións diferentes actividades.

O campus de Ourense, actor e escenario

Precisamente a Aula de Teatro Universitaria de Ourense Rosaura foi a encargada este venres de dar comezo na Rúa do Paseo ás representacións, poñendo en escena a escravitude das persoas fronte ao capitalismo e o diñeiro. Co seu vibrante espectáculo percorreron o centro da cidade "enredando" aos viandantes para achegarse a esta edición da Miteu. Despois da súa representación, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense Cordelia estreou no Teatro Principal a peza Escenas de Otelo. Tras este prometedor inicio, o grupo universitario ourensán Maricastaña actuará o día 28 coa obra Un novo mundo feliz e a Aula de Teatro Infantil de Ourense Geppetto fará o propio o día 15 coa peza O manuscrito. Ademais, a Aula Universitaria de Vigo representará Dentro do labirinto no Teatro Principal o día 23 de abril.

O campus de Ourense acollerá tamén a proxección dos documentais Médicos sen Fronteiras (Un)Limited e Onde as rúas non teñen nome. Teatro universitario de Ourense a Casabranca, que recolle a viaxe feita o ano pasado pola Aula de Teatro Universitaria de Ourense a Marrocos para participar no Festival Internacional de Teatro de Casabranca. Nas salas universitarias tamén se desenvolverán dous obradoiros de investigación teatral e creación, a cargo de Raffaella Russo, Carlo Strazza e Marco Canale, e na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo exporase a mostra 40 anos de traballo de Médicos sen Fronteiras.

Alén desta programación vinculada co campus de Ourense, a Miteu vén cargada nesta edición de espectáculo, moito humor e solidariedade. Os sorrisos chegarán da man dos cómicos Mofa e Befa, Quico Cadabal, Carlos Blanco, e Sergio Tannus, e o espírito solidario materializarase, entre outras accións, coa celebración da Gala Festiclown Palestina, no Auditorio Municipal, que contará coa participación de Leo Bassi, Johnny Melville, Mago Teto, Sue Moreno, O Sonoro Maxín, O Carrabouxo e Iván Prado. Pero o gran protagonista da Miteu, como corresponde a unha mostra deste tipo, será o teatro universitario, que correrá a cargo de, ademais dos grupos da Universidade de Vigo, das aulas de teatro universitario de Santiago de Compostela, Lugo, Alacante, Valencia, Porto e Granada.