DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total ofértanse 22 opcións formativas en temáticas diversas relacionadas coa igualdade

Abre a inscrición para a oitava edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero, que incorpora tres cursos novos

Con duracións de varían entre as 15 e as 40 horas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
M. Del Río DUVI 10/04/2023

Dende hoxe luns está aberto o prazo de matrícula nos 22 cursos que conforman a oitava edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero, unha iniciativa da Unidade de Igualdade que busca impulsar e mellorar a formación en xénero de toda a comunidade universitaria e potenciar así o obxectivo estratéxico da UVigo de converterse nun referente social en igualdade. 

O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 5 de maio e as persoas interesadas poderán matricularse en todos cantos cursos queiran, a elixir entre un catálogo de 22, tres dos cales se ofertan por primeira vez. A matrícula farase por orde de inscrición ata completar o número máximo de prazas, que será de 120 persoas por curso, preferentemente para membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como PDI e PAS. 

Os cursos, que contan co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, teñen como obxectivo, como explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, “formar complementariamente a toda comunidade universitaria nos diferentes eidos relacionados co xénero, a fin de impulsar o avance cara unha sociedade realmente mais xusta e igualitaria”. 

O catálogo de cursos foise ampliado progresivamente dende a primeira edición, que se lanzou en marzo de 2020, en pleno confinamento. Conformada por nove cursos, esta experiencia piloto acadou un “destacado éxito, con máis de 1200 persoas inscritas”, lembra Gómez. Dende ese momento xa se celebraron un total de sete edicións, ampliando e diversificando os contidos cada ano e, entre todas elas “xa se superaron as 7000 inscricións”. 

Tres novidades

O catálogo de cursos desta oitava edición agrúpase en cinco temáticas. Un primeiro bloque, de introdución á formación en xénero, comprende cinco cursos: Introdución á perspectiva de xénero; Economía de xénero; A comunicación e o xénero e A perspectiva de xénero na educación. Outro bloque céntrase na educación sexo-afectiva, e inclúe dúas formacións: Educación afectivo-sexual e Pensar o amor no século XXI. Unha terceira temática xira arredor da ciencia, a tecnoloxía e o xénero e inclúe catro cursos: A dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC; Mulleres e ciencia; A inclusión da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e a innovación e Intelixencia artificial e xénero. Un cuarto bloque aborda as políticas de igualdade con catro opcións formativas que van dende a normativa básica de xénero; o acoso sexual e acoso en función do sexo; a sustentabilidade da vida e a conciliación e corresponsabilidade e as políticas públicas de igualdade. Finalmente, un derradeiro apartado pon o foco nas novas reflexións sobre o sexo/xénero e inclúe cinco cursos: O xénero e o sexo no século XXI; Novas masculinidades; Pornografía; A prostitución no marco do capitalismo neoliberal e Deconstruír o discurso prehistórico dende o feminismo).

A estes cursos, que xa se viñan impartindo en pasadas edicións, súmanse tres novas incorporacións ao catálogo que, segundo a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, poden resultar de “ grande interese”. A primeira novidade é un curso sobre a incorporación da perspectiva de xénero na docencia universitaria, que será impartido pola profesora de Socioloxía da Universidad de Alicante María José Rodríguez Jaume, que é a principal impulsora da colección de guías para unha docencia con perspectiva de xénero. A segunda novidade é un curso sobre o machismo dixital e a manoesfera, da man da profesora de socioloxía da Universidad Complutense de Madrid Elisa García Mingo, Esta é, segundo destaca a directora da Unidade de Igualdade, “unha opción especialmente innovadora que converterá a Universidade de Vigo na única do Estado en ofertar un curso sobre esta temática”. Finalmente, a derradeira incorporación ao itinerario achegará ás e aos participantes a tres pensadoras na historia da teoría feminista da man da profesora de socioloxía Antía Pérez Caramés, da Universidade de Coruña. As tres figuras elixidas son a pensadora Mary Wollstonecraft, a teórica feminista Betty Friedan e a intelectual de Shulamith Firestone.

Amplo equipo de docentes

Como destaca a responsable da Unidade de Igualdade, “este itinerario conta cun equipo de docentes que son referentes nos seus respectivos campos, tanto da Universidade de Vigo como doutros centros do Estado”. Entre outras expertas, destaca a participación na docencia de Capitolina Díaz, profesora da Universidade de Valencia; Jorge García Marín, profesor da USC; Mónica Alario, experta en Estudos Interdisciplinares de Xénero; Isabel Menéndez, profesora da Universidade de Burgos; Carmen Ruiz Repullo, profesora da Universidade de Granada; Encina Calvo, docente da USC e Amparo Alonso, investigadora da UDC. Por parte da UVigo, impartirán algúns dos cursos as profesoras Yolanda Rodríguez, Emma Rodríguez, Beatriz Suárez Briones, Andrea Mouriño, Beatriz Comendador, Xulia González Cerdeira, María Mercedes Álvarez Lires, Iria Vázquez Silva, Amada Traba, Soledad Torres, Nieves Lorenzo e Amelia Verdejo, entre outras.

Entre 15 e 40 horas de duración

Os cursos poden realizarse de xeito de independentemente, na orde que se prefira e ir completando os diferentes módulos en sucesivas edicións do itinerario. Con todo, dende a organización recomendan comezar polo bloque de Introdución á perspectiva de xénero para ter claros algúns conceptos básicos sobre xénero.

A duración dos cursos varía entre as 15 e as 40 oras e unha vez realizada a matrícula, as persoas inscritas deberán completar a formación antes do 20 de maio. Os cursos están certificados pola Universidade de Vigo e as persoas que os realicen obterán un selo distintivo.