DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsados pola Deputación, a docencia corre a cargo do Centro de Linguas da UVigo

Abre este venres o prazo de matrícula para os cursos gratuítos de español para persoas inmigrantes

Impartiranse entre maio e xuño en Pontevedra, Vigo e, por primeira vez, en Vilagarcía de Arousa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Académica
DUVI 27/02/2024

A Deputación de Pontevedra abre este venres 1 e ata o 15 de marzo o prazo para participar nunha nova edición dos cursos de español para inmigrantes que, como novidade, este ano chegan por vez primeira a Vilagarcía de Arousa. Estas actividades formativas de balde serán impartidas por docentes do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, como vén sucedendo nos últimos anos e de acordo a un convenio renovada este mesmo martes. O obxectivo é que as e os participantes superen as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, un requisito indispensable para obter a nacionalidade española. 

A institución provincial, que destina a estes cursos 18.000 euros, promoverá este ano tres accións formativas de 40 horas de duración. Así, ás sedes tradicionais de Vigo e Pontevedra, súmase nesta ocasión Vilagarcía de Arousa, coa finalidade de facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. En cada cidade ofertaranse 20 prazas (60 en total) dirixidas a persoas inmigrantes maiores de 16 anos, que saiban ler e escribir e que se atopen en situación regular en España. Ademais, deberán están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e ter coñecementos básicos da lingua española. 

Os cursos comezarán en Vigo e Pontevedra, onde se desenvolverán entre o 20 de maio e o 5 de xuño, e a quenda de Vilagarcía será entre o 10 e o 26 de xuño. As tres accións formativas completaranse, ademais, cunha sesión dunha hora de duración no mes de setembro antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba. 

Preto de 100 solicitudes na pasada edición

En 2023, a Deputación de Pontevedra recibiu 94 solicitudes para participar na formación, sendo seleccionadas finalmente 48 persoas, das que 44 se presentaron ao exame e 36 aprobaron. Por nacionalidades, a maioría procedían de Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.