DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro dos actos de celebración de S. Alberte

Ábrese o prazo para participar no IV Concurso de Fotografía Biolóxica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 31/10/2007
San Alberte, patrón das Facultades de Químicas, Ciencias do Mar e Bioloxía, será homenaxeado o 15 de novembro cunha serie de actos entre os que destaca a celebración da cuarta edición do Concurso de Fotografía Biolóxica e unha conferencia sobre o presente e futuro da industria conserveira a cargo de Carlos Ruíz, representante da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (ANFACO).

IV Concurso de Fotografía Biolóxica

O obxectivo deste certame aberto ós membros da comunidade universitaria é premiar instantáneas orixinais relacionadas con calquera aspecto da bioloxía, xa sexa en branco e negro ou en cor e tomadas con calquera técnica fotográfica. A Biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais será o lugar onde se depositen os traballos entre o 5 e o 12 de novembro, data en que se pechará o prazo de admisión. Posteriormente realizarase unha exposición das obras ata o 15 de novembro, cando os tres gañadores e o accésit recollerán os seus premios no Salón de Actos do Edificio de Ciencias Experimentais.