DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase a mostra 'Espiñas coroadas', do artista Lito Portela e o comisario Carlos L. Bernárdez

O absurdo dun banco con espiñas ocupa Alterarte

Con esta exposición o proxecto 'Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas' comeza a súa recta final

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 12/04/2012

O absurdo. Este é o gran motivo de reflexión sobre o que traballa a exposición Espiñas coroadas, do artista Lito Portela e o comisario Carlos L. Bernández, que desde este xoves ocupa Alterarte, a sala de arte contemporánea do campus de Ourense. Con foco de interese, o creador emprega tres elementos da vida cotiá, como son o marco dun cadro, un banco e unha escada, e impide o seu emprego lóxico colocando unhas espiñas que baleiran de sentido a existencia desde obxectos. Se unha escada non pode ser subida, para que serve?. A resposta: para reflexionar sobre o absurdo de moitos aspectos da realidade.

A exposición foi inaugurada este xoves por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; e o creador e o comisario da iniciativa. “Con esta mostra, o proxecto Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas está a piques de rematar”, salientou Buxán durante a inauguración. O director quixo destacar o feito de que “a maridaxe entre creadores e críticos, como Portela e Bernárdez, está a resultar especialmente interesante para Alterarte pero tamén para os propios implicados en cada proxecto expositivo”. Polo éxito desta proposta, María Lameiras avanzou que haberá unha segunda edición de Estado Crítico na que participarán “comisarios de dentro da Universidade de Vigo, aproveitando o potencial humano de facultades como a de Belas Artes e Historia”.

Na mostra Espiñas coroadas, Lito Portela explicou que quixo xogar “coa paixón, a comunicación e o absurdo” que se plasman “nun marco de espiñas no que non hai nada, nun banco con espiñas onde non te podes sentar e nunha escada con espiñas onde non podes subir”. Estas tres pezas ocupan a sala e están acompañadas por textos do escritor Manuel Romón e por música de Julián Hernández que pretenden afondar nesta idea do absurdo. Unha mostra moi conceptual na que o autor, máis que describir con palabras as súas características, convida aos interesados a achegarse a esa escada de espiñas e experimentar as sensacións que provoca.

Metáfora e escenario

Espiñas coroadas é un proxecto especialmente estimulante, unha instalación con rigor formal e moi profundo que permite diferentes lecturas”, explicou o comisario da mostra e crítico do xornal Faro de Vigo. “Estamos perante unha obra de substrato conceptual, que dá importancia ao acabado, ás texturas e á localización espacial. Unha peza que se conforma como metáfora, como escenario e obxecto, ao se situar nun plano e nunha orde diferente, con moito de literario e tamén de arqueolóxico”, apuntou. O realismo da representación na mostra non fica, segundo Bernárdez, na patina superficial, senón que "se mergulla no máis intenso da tradición da representación, da construción escultórica, provocando unha aguda sensación de estupor" no que olla a obra artística de Portela.

Tanto o comisario da exposición como o director de Alterarte quixeron salientar o feito de que con esta mostra de Lito Portela a sala de arte contemporánea do campus non só dá entrada aos creadores máis xoves senón tamén a figuras consolidadas en Galicia que xa contan con certa idade e traxectoria. “Que Alterarte se abra a artistas doutras xeracións, non só aos máis novos, enriquece aínda máis esta sala e o seu traballo expositivo”, destacou Xosé Manuel Buxán. Un feito tamén reivindicado por Carlos L. Bernárdez, que criticou o feito de que “na tendencia extrema da procura da mocidade, ás veces hai unha percepción de que os artistas a determinada idade desaparecen”.

A exposición permanecerá ata o día 1 de xuño no Pavillón I do campus de Ourense, estando aberta aos membros da comunidade universitaria e aos cidadáns en xeral que queiran achegarse a gozar da arte contemporánea.