DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colleen Sheppard, profesora da McGill University de Montreal (Canadá):

"Acabar coa discriminación pasa por cambiar as políticas públicas e as institucións, e iso é moi radical"

A experta participou na xornada ‘Vellas e novas formas de discriminación laboral nun contexto de cri

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 21/06/2013

No contexto de crise actual, cunha taxa de paro disparada, as conquistas sociais logradas nos últimos anos corren o perigo de perderse. E iso non fai máis que afondar a precaria situación de colectivos xa antes afectados por condutas discriminatorias, como as mulleres, as persoas con discapacidade ou con enfermidades crónicas. Sen embargo, aínda que é no contexto laboral no que máis casos de exclusión se dan, esta esténdese a outros ámbitos institucionais como as escolas, as universidades, os servizos públicos…

É aí onde entra o concepto de discriminación sistemática, aquela na que as desigualdades entre grupos de persoas “veñen dadas por políticas ou prácticas institucionais”, normas legais ou actitudes culturais predominantes en ámbitos públicos ou privados que xeran privilexios para uns e desvantaxes para outros. “Isto é un reto para o dereito, porque xa non se trata dun problema individual, senón institucional”, como asegura Colleen Sheppard, profesora da McGill University de Montreal (Canadá) e directora do McGill’s Center for Human Rights and Legal Pluralism. “Calquera solución pasa por cambiar as políticas institucionais e iso é moi radical, porque hai que facer unha transformación da institución”, subliña Sheppard, que recoñece que en Canadá “se fixeron progresos, pero tamén houbo rectificacións nos tribunais porque non querían facer demasiado para cambiar o mundo, é unha institución moi conservadora”.

Esta experta participou onte na xornada Vellas e novas formas de discriminación laboral nun contexto de crise, dirixida polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Jaime Cabeza, e organizada en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Comisiones Obreras e a Asociación de Avogados Novos de Vigo. Unhas 60 persoas déronse cita na Facultade de Ciencias Xurídicas para facer unha análise teórica e práctica seria sobre as últimas novidades legais arredor da discriminación afondando na exclusión sistemática, por sexo, por discapacidade e por orientación sexual.

Moitos cambios nos últimos 30 anos

Canadá convértese nun exemplo a seguir para os lexisladores en materia de loita contra a marxinación sistémica despois de que hai 30 anos unha maxistrada do Tribunal Constitucional elaborara un informe que ampliaba o concepto de discriminación, ata o momento restritivo: mentres que antes só se consideraba discriminación cando había intencionalidade, a partir dese momento entrou en xogo a idea de exclusión indirecta, “aquela na que non hai intención. Trátase dun conxunto de políticas ou dun marco institucional que pode producir un efecto discriminatorio sobre determinados colectivos de persoas”. Pero para combater esta marxinación é necesario “aplicar ou desenvolver remedios diferentes”.

Un cambio nas medidas correctoras no que hai que ter en conta a discriminación múltiple na que se foi derivando nos últimos anos, como pode ser o caso dunha muller de etnia xitana con algunha discapacidade. “En Dereito temos tendencia a analizar como contextos separados o traballo, a familia, a educación… e agora trátase precisamente de ver todo no seu conxunto, tendo en conta causas e sectores”, recorda Cabeza. O organizador da xornada mira con envexa cara Canadá e a súa “construción xurisprudencial tan interesante”, derivada en parte da importante taxa de cidadáns estranxeiros que acolle, xa que ten unha das taxas de inmigración máis elevada do mundo. “Lévannos anos de vantaxe. A aproximación institucional que teñen ao problema da discriminación aquí aínda estamos lonxe de poder elaborala, polo menos teoricamente falando”, recalcou.