DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María José Martínez Patiño foi seleccionada para o grupo de cooperación e desenvolvemento

As academias olímpicas europeas incorporan unha investigadora da UVigo ás súas comisións de traballo

É unha das dúas representantes españolas nestes grupos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/03/2024

Promover os valores e ideais do olimpismo é o obxectivo central da European Olympics Academies (EOA), unha asociación na que están representadas as academias ou comités olímpicos de 31 estados europeos. Nese propósito, a súa actividade engloba accións como o intercambio de prácticas educativas, compartir experiencias ou colaborar coas academias olímpicas de cada país. Para o desenvolvemento desas tarefas, a EOA conta con catro comisións de traballo, para as que foron seleccionados unha serie de expertos e expertas, entre as que se atopa a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño. Directora do Centro de Estudos e Investigación Olímpica da UVigo, esta docente converteuse nunha das sete integrantes da comisión de desenvolvemento e cooperación a EOA para o período 2024-2028.

“Foi unha sorpresa”, recoñece Martínez Patiño, que foi proposta pola Real Academia Olímpica Española. “Tómoo como unha oportunidade, non só de representar ao meu país, senón tamén á Universidade”, engade do seu nomeamento para unha das catro comisións da EOA, nas que só figuran dúas representantes españolas. A tamén coordinadora do grupo de investigación Gies-10 agarda poder “deixar o selo do ámbito académico e universitario” no traballo que desenvolva nunha comisión para a que tamén foron seleccionados o grego Polyxeni Argeitaki, profesor da Universidade de Atenas; a maltesa Charlene Attard, exatleta olímpica; o chipriota Georgios Korellis; a eslovaca Elena Malikova; a francesa Barbara Petri-Ui e a eslovena Polona Samec.

Conexión coas universidades

Segundo recolle a EOA, entre as responsabilidades desta comisión atópase a preparación dun plan estratéxico que contribúa o crecemento desta organización, así como promover iniciativas de cooperación coas academias estatais, as federacións internacionais e outra serie de institucións. Tras participar, a finais de febreiro, na primeira reunión virtual desta comisión, Martínez Patiño destaca que un dos eixes do seu labor estará en “deseñar estratexias de traballo cos comités olímpicos nacionais, pero tamén coas universidades deses países”. Neste punto, a tamén coordinadora dos centros de estudos e investigación olímpicos das universidades españolas lembra "que España é o país do mundo con máis centros de estudos e investigación olímpica acreditados” polo Comité Olímpicos Internacional (COI), un total de doce. De aí que incida en que a experiencia acumulada neste eido podería ser de utilidade á hora de contribuír desde a EOA ao desenvolvemento de proxectos de investigación centrados no olimpismo, en países nos que este campo “está menos desenvolvido”. 

Nese senso, a investigadora lembra que no congreso que a EOA celebrou en Lituania en novembro, no que participou como membro da Academia Olímpica Española, púxose o foco en que as e os deportistas “son o centro de todo o traballo que temos que levar a cabo en todos os niveis”. De aí que, engade, desde esta organización “desen moi importancia” a traballos de investigación como os centrados nos efectos da covid-19 sobre deportistas olímpicos dos que é unha das autoras. Concretamente, a directora do Centro de Estudos e Investigacións Olímpicas da UVigo participou en 2020 nun estudo dirixido a analizar o efecto do perfil psicolóxico, os estudos académicos e o xénero na percepción da ameaza persoal e profesional que supuxo a crise da covid-19 nos deportistas. Realizado xunto a investigadores das universidades Europea de Madrid, Estremadura, Autónoma de Madrid e Universidad de la Costa de Colombia e publicado na revista Frontiers in Psychology, neste traballo participaron 175 atletas olímpicos e paralímpicos. A este estudo sumouse posteriormente outro realizado con 511 deportistas olímpicos e paralímpicos, publicado no International Journal of Environmental Research and Public Health. Centrado en coñecer os efectos da pandemia e o confinamento nas condutas, estado de ánimo e patróns de adestramento das e dos deportistas, Martínez Patiño levou a cabo este traballo xunto a investigadores das universidades da Sorbona, George Washington e Estremadura.