DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de mestrado da UVigo premiado polos seus TFM recibirá 500 euros

Acción polo clima, enerxía sostible e consumo responsable centran os traballos galardoados cos Premios Innovación Sostible da Cátedra Telefónica-UVigo 2023

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Investigación
DUVI 15/04/2024

Dos 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) da Axenda 2030 foron os de Acción polo clima (13), Enerxía asequible e non contaminante (7), Produción e consumo responsable (12) e Industria, innovación e infraestruturas (9) nos que maioritariamente puxeron o foco os cinco Traballos Fin de Mestrado (TFM) gañadores dos Premios Innovación Sostible da Cátedra Telefónica-UVigo 2023. Ana Isabel Baanante Pozo e Marta Senn Gómez, estudantes do Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible; Raquel Barciela Sánchez, alumna do Máster de Profesorado, especialidade en ciencias experimentais, bioloxía, física e química; Noel Cardeñoso Garrido, estudante do Máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía e Juan José Paradela, alumno do Máster en Enxeñaría Industrial son os cinco gañadores e gañadoras do galardón que outorga cada ano a Cátedra Telefónica-UVigo, aos TFM que se distingan nas temáticas relacionadas con obxectivos de desenvolvemento sostible e que presentan propostas de innovación que abordan melloras aos problemas da humanidade relacionados cos ODS da Axenda 2023.  

Uns traballos, que recibirán 500 euros de premio, e dos que o director da Cátedra Telefónica-UVigo, José Cidrás, destaca “a súa variedade e calidade”, ao tempo que agradece a participación de todo o alumnado na convocatoria, así como a implicación de Telefónica na iniciativa.

Os traballos premiados polo miúdo

Envases na industria alimentaria na transición cara á economía circular, unha análise de superficies comerciais e prácticas actuais de Ana Isabel Baanante, alumna do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible e RetoMar: Plan de educación e sensibilización ambiental orientado á conservación e desenvolvemento sostible dos mares e dos recursos mariños de Raquel Barciela, estudante do Máster en Profesorado, son dous do TFM premiados, centrados no seu caso nos ODS de Produción e consumo responsable e no de Conservar e utilizar de xeito sostible os océanos, os mares e os recursos mariños, especificamente no de Barciela. No seu TFM Ana Isabel Baanante conclúe que os envases compostables ou biodegradables seguen a presentar importante problemas baixo os mesmos principios de xestión que os envases de plástico convencionais, aínda que se se cumpren unha serie de premisas realmente habería posibilidades de que os beneficios potencias destes materiais sexan reais. Pola súa banda, Raquel Barciela deseñou no seu TFM un proxecto, RetoMar, co obxectivo de fomentar no público escolar actitudes positivas e comportamentos favorables cara a protección e conservación do medio mariño.

Juan José Paradela e Noel Cardeñoso, alumnos, respectivamente dos mestrados en Enxeñaría Industrial e Nanociencia e Nanotecnoloxía, puxeron o foco nos seus TFM nos ODS 7 (Enerxía asequible non contaminante), 9 (Industria, innovación e infraestruturas), 11 (Cidades e comunidades sostibles) e 13 (Acción polo clima). En Contribucións á simulación fluidodinámica computacional de celas de combustible de membrana de intercambio protónico (PEMFC), Paradela céntrase no estudo das celas de combustible de membrana de intercambio protónico, que se perfila como unha das mellores solucións para reducir a dependencia dos combustibles fósiles e facilitar unha transición enerxética. Pola súa banda, Noel Cardeñoso aborda en Síntese sostible de etanol mediante a redución fotocatalítica de CO2 empregando nanopartículas plasmónicas bimetálicas de ouro e rutenio con TiO2 semiconductor o uso de nanopartículas plasmónicas no desenvolvemento de técnicas fotocatalíticas como unha saída eficiente o incremento de dióxido de carbono na atmosfera e conseguinte agravamento do efecto invernadoiro.

Mentres, no seu TFM, Caracterización do evento climático El Niño-Oscilación Sur (ENSO) e a súa repercusión sobre os ODS. Perspectivas e accións, Marta Senn analiza os impactos do evento climático en diferentes sectores e rexións do mundo, co enfoque os ODS e a súa relación co cambio climático.