DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e da ANL

Actívase o plan madriñas e padriños de 'Galego de tranquis'

A campaña anima o alumnado que non é galegofalante a dar o paso e comezar a facelo sen présas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 04/04/2024

A Universidade de Vigo busca alumnas e alumnos galegofalantes dispostos a converterse en madriñas e padriños de estudantes que non utilizan de xeito habitual o galego pero que queren comezar a facelo. É a segunda fase da campaña ‘Galego de tranquis’, posta en marcha o pasado mes de outubro desde a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Área de Normalización Lingüística co obxectivo de animar a comezar a falar en galego a todas as persoas que non o fan de xeito habitual pero ás que lle gustaría facelo “de vagar, paseniño, sen présas...”.

As alumnas e alumnos interesados en participar nesta iniciativa poden apuntarse como Aprendente, se o que queren é comezar a falar en galego, ou como Madriña/Padriño, para os galegofalantes que queiran botar unha man e facilitarlle o proceso a quen está aprendendo.

Os formularios para inscribirse nesta iniciativa están xa dispoñibles na Secretaría  Virtual da UVigo, indicando, ademais dos datos de contacto, o día/s da semana e a franxa horaria na que se prefire que se desenvolva a actividade e as diferentes preferencias temáticas para as futuras conversas entre padriños/madriñas e afillados/as (estudos, política, videoxogos, deporte, filosofía, linguas, música, arte, literatura, cine, amor, LGTB+, viaxes, gastronomía, feminismo, saúde, traballo, redes sociais, animais, ecoloxía, relixión, historia, influencers e persoas famosas, futuro, novas tecnoloxías, series de televisión, economía, moda, xogos de rol…).

‘De tranquis’ tamén nas redes

A campaña mantén tamén unha forte presenza nas redes sociais. Nesta liña, faise fincapé en que todos as persoas que queiran comezar a usar o galego nas súas redes sociais, empreguen o cancelo #GalegoDeTranquis nos seus contidos ou na súa bio para indicar que van comezar a empregar o galego e agradecer que a súa comunidade de seguidoras e seguidores ‘vaian de tranquis’ con eles. 

A maiores, tamén se pode empregar o cancelo #GalegoDeTranquis si se quere indicar que se alguén quere comezar a falar o galego con eles, pode facelo sen problema, que se adaptarán e lle farán o proceso máis agradable.