DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a investigación desenvolvida por Noemi Sanmartín para a súa tese de doutoramento

A actividade física baseada na expresión corporal mellora a saúde física e psicolóxica das persoas con cancro

Durante cinco anos, levou a cabo un programa de exercicios con pacientes oncolóxicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/04/2022

O desenvolvemento dun programa de actividade física baseado en técnicas de expresión corporal inflúe de forma positiva tanto na saúde física como psicolóxica das persoas que padecen cancro durante o proceso de tratamento da enfermidade. Esta é a principal conclusión da investigación que Noemi Sanmartín desenvolveu para a súa tese de doutoramento, na que dá conta das melloras, tanto nos niveis de forza, flexibilidade e equilibrio como en variables psicolóxicas, que presentou o grupo de pacientes co que levou a cabo un “programa de actividade física de carácter expresivo” ao longo de cinco anos. Dirixido a tratar de mellorar aqueles aspectos físicos e psicolóxicos “que se ven afectados pola enfermidade e os tratamentos”, este programa engloba un conxunto de actividades que non parten “duns patróns previos”, explica, senón que se basean nas propias achegas de “expresión, xesto e movemento” das persoas participantes, a través de exercicios de relaxación ou desinhibición, da busca de “respostas espontáneas a estímulos” e de tarefas baseadas no mimo, a danza ou o teatro de sombras.

“Esta investigación xorde como resposta á necesidade dunha actividade física específica para pacientes oncolóxicos que consiga integrar tanto melloras a nivel físico como psicolóxico”, sinala Sanmartín, que levou a cabo a súa tese Diseño y evaluación de un programa de Expresión Corporal para mejorar la calidad de vida de mujeres con cáncer no programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde, baixo a dirección da catedrática Margarita Pino e a doutora Águeda Gutiérrez, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Un espazo “de desinhibición e desconexión”

Segundo os datos da Sociedad Española de Oncología Médica, en 2021 diagnosticáronse en España 276.239 novos casos de cancro, que, como lembra a investigadora, implican enfrontarse tanto á propia diagnose e aceptación da enfermidade, como a cirurxías, tratamentos e “modificacións a nivel de imaxe e estado de ánimo”, con efectos tanto físicos como psicolóxicos e que poden mesmo “en moitos casos afectar á evolución clínica das pacientes”, subliña. Nese senso, tomando como punto de partida a idea de que “unha vida fisicamente activa pode previr e mellorar múltiples enfermidades” e que “as terapias corporais que desenvolven emocións positivas son adecuadas para aquelas persoas ás que o seu problema de saúde afecta tanto a nivel físico e psicolóxico”, decidiu centrar a súa investigación nunha actividade que conxugase “ambos niveis”. A expresión corporal, sinala Sanmartín, “implica traballo mental e físico”, á vez que ten tamén unha “ampla compoñente creativa”, proporcionando aos e ás pacientes un “espazo de desinhibición e desconexión das rutinas diarias”, no que “reforzar” a súa autoestima e mellorar o seu estado de ánimo. Deste xeito, engade, contribuiría á reducir “os seus niveis de emocións e sentimentos negativos”, ao que se suma tamén o positivo da “adhesión a un grupo con características similares”.

Partindo destas “necesidades específicas”, Sanmartín deseñou, implantou e avaliou un programa de actividades baseadas na expresión corporal, que puxo en práctica cun grupo de mulleres afectadas principalmente por cancro de mama, aínda que tamén por cancro de colon e de pulmón, en Santiago de Compostela. Con dúas sesións á semana entre os meses de outubro e xuño, comezou a implantarse en 2014 e completouse en 2019, xa que, como lembra a investigadora, o tratamento do cancro é “un proceso longo” do que derivan á súa vez unha serie de “efectos secundarios, tanto no aspecto físico, con modificacións a nivel de composición corporal, fatiga crónica ou linfedema, como a nivel psicolóxico”, ao que se suma “a toxicidade dos tratamentos a nivel neurolóxico”. De aí que, dada a importancia de “traballar todos estes aspectos”, a fase de recollida de datos fose, recoñece, “bastante longa”. 

O programa comprendía en primeiro termo unha fase de exploración con actividades de “tonicidade, desinhibición, relaxación, respiración, microximnasia e mobilidade articular”. A segunda centrábase na expresión, con actividades dirixidas a estimular ás participantes “para conseguir unha resposta espontánea a través de imaxes, cores, obxectos, música...”; mentres que a terceira fase era a “comunicativa”, na que as participantes debían “expresar con intención” a través “de tarefas de mimo, danza ou teatro de sombras”. 

Melloras na forza, flexibilidade e equilibrio 

Ao longo destes cinco anos de traballo, un total de 18 pacientes oncolóxicas participaron neste programa, aínda que, como explica Sanmartín, a análise estatística dos seus resultados realizouse cos casos das nove pacientes que completaron todas as sesións. A súa avaliación final permitiu detectar “unha eficacia estatisticamente significativa da mellora da forza, da flexibilidade e do equilibrio”, mentres que no referido aos diferentes factores psicolóxicos analizados tamén se constatou esa “eficacia estatisticamente significativa” nas variables de vigor e fatiga, “polo que se considera que hai melloras a nivel de estado ánimo”. Neste segundo ámbito, estudáronse tamén posibles melloras na autoestima, imaxe corporal ou calidade de vida, nas que tamén se rexistraron melloras na avaliación final, aínda que non tan significativas, recoñece a investigadora.

Estes resultados levan así mesmo á xa doutora a pór de relevo a importancia de promover a práctica de actividade física durante o proceso, “para complementar os tratamentos tradicionais” e de facelo a través de propostas “adaptadas ás necesidades” destes pacientes. De feito, a súa propia investigación deu lugar á creación en Santiago da asociación Abeiratúa, da que é responsable e que “ten como obxectivo a práctica de actividade física e corporal para pacientes oncolóxicos”.