DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Día Mundial da Saúde

Actividade física: unha verdadeira "vacina" fronte as enfermidades crónicas. Por Juan José Crespo

O responsable das Unidades de Medicina Deportiva da Universidade reflexiona sobre os riscos do seden

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 07/04/2011
Nas recentes Recomendacións mundiais sobre Actividade Física e Saúde da Organización Mundial da Saúde (WHO, 2010), afírmase que a inactividade física (sedentarismo) é o cuarto factor de risco máis importante de mortalidade en todo o mundo (6% de defuncións a nivel mundial), despois do tabaquismo e a hipertensión. Ademais da mobilidade e mortalidade do sedentarismo, os custes económicos que provoca sitúanse en 1500 dólares/ano en coidados médicos por persoa e un total de 29 millóns de dólares no ano 2005 no estado de California (California Department of Healt Services, 2005).

A OMS (WHO, 2010) volve a insistir na evidencia científica dos beneficios de aumentar a actividade física en prevención primaria (persoas sas), pero sobre todo en enfermos/as crónico/as (prevención secundaria e terciaria). Os estilos de vida teñen cambiado moito nos últimos decenios (o xenoma non), por iso a OMS fai recaer sobre os estados, organismos sanitarios, concellos, escolas e universidades a responsabilidade de favorecer o incremento dos niveis de actividade física da poboación. A poboación ten dereito a saber que medidas son as que máis poden mellorar a súa saúde e a súa calidade de vida. As taxas máis baixas de mortalidade por cardiopatía coronaria, hipertensión, accidente cerebrovascular, diabetes tipo 2, cancro de colon e mama, danse nas persoas máis activas (Warburton et al, 2009).

A actividade física e o exercicio físico supervisado tamén mellora a función muscular e a saúde ósea, evita caídas en persoas maiores fráxiles, mellora a función cognitiva e axuda a reducir a incapacidade (Centers for Disease Control-CDC-USA, 2008). As nenas e nenos máis activos manteñen mellor o seu peso corporal favorecendo a prevención primaria da obesidade (CDC-USA, 2008).

Sallis, nun artigo publicado no British Journal of Sports (2009,) di que a actividade física regular poderíase considerar como unha “vacina” fronte as enfermidades crónicas, sen embargo dende a sanidade pública non se lle “declarou a guerra” ao sedentarismo nin se prescribe exercicio físico (Exercise is medicine and physicians need to prescribe it). Así é moi difícil reducir a “carga” de enfermidade e o gasto sanitario seguirá crecendo de xeito exponencial. O grupo de traballo Health and Sports do Consello de Europa (2008) di que a Medicina Deportiva é practicamente medicina preventiva. Dende as Unidades de Medicina Deportiva e de Actividade Física Personalizada da Área de Deporte e Saúde do Servizo de Deportes, nos Centros de Ourense, Pontevedra e Vigo, si promocionamos e prescribimos exercicio tanto a usuarios/as do Programa Pontenforma como a calquera membro da comunidade universitaria que o desexe. Así, as persoas incorporarán máis actividade física ás súas vidas e melloran a súa calidade de vida.