DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Posta en marcha do programa de voluntariado

A actuación solidaria no campus de Vigo céntrase na atención a discapacitados

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 22/10/2007
Co fin de promover a integración dos estudantes na realidade social e crear unha cultura de solidariedade, a Universidade de Vigo pon en marcha, como cada ano, o programa de Voluntariado dirixido a membros da comunidade universitaria que poidan dispor dun mínimo de dúas horas libres semanais.
A encargada de organizar este proxecto é a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, a través de oficinas de Voluntariado e Integración, presentes nos tres campus. No caso de Vigo, as liñas de actuación son dúas: programas propios, e colaboración con entidades alleas como “Aspanaex”, “Down Vigo” ou a “Fundación Cume”. Nos proxectos externos o campo de traballo abarca terceira idade e os colectivos desfavorecidos, como menores e inmigrantes, mentres que, a sensibilización da cidadanía e a reciclaxe de materiais conforman as principias actividades propostas directamente pola Universidade. En ámbolos dous casos a atención a persoas con diferentes discapacidades ocupa un lugar primordial.
Para complementar a formación social e humana e poder levar a cabo as tarefas solidarias dun xeito máis adecuado, os interesados terán acceso a cursos básicos e específicos de formación de voluntarios. No caso dos estudantes, estes cursos serán validables por créditos de libre configuración.

 

Máis información.