DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un estudo analiza o comportamento de 308 deportistas de alto rendemento

Adestradores, compañeiros de equipo e familia inflúen na alimentación dos deportistas

Unha excesiva preocupación pola súa imaxe ou peso podería indicar a existencia dun trastorno

Etiquetas
  • Pontevedra
Iolanda Fernández DUVI 02/05/2013
Máis de 10 anos é o tempo que leva investigando o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación sobre os trastornos alimentarios que sofren os deportistas de alto rendemento. O seu último traballo, elaborado polo profesor Joaquín Dosil, saca á luz resultados sorprendentes e presenta unha serie de pautas a seguir para previr a aparición de trastornos alimentarios neste tipo de deportistas. A necesidade urxente de deseñar programas específicos para cada modalidade e tamén para cada deportista é unha das principais conclusións que se recollen nesta investigación publicada polo Consello Superior de Deportes (CSD).

Co obxecto de contribuír á mellora da saúde física e mental dos deportistas e tamén das súas carreiras profesionais, na publicación Trastornos de alimentación en deportistas de alto rendimiento, analízanse, de xeito pormenorizado, aquelas modalidades que presentan un maior número de incidencias. Deste xeito, Dosil, en colaboración coa doutora Isabel Díaz, presentan catro grandes grupos de risco: os deportistas de resistencia (ciclistas ou atletas, por exemplo), de estética (ximnasia rítmica), de categorías de peso (judo ou taekwondo) e de ximnasio (aeróbic ou musculación). A preocupación desmesurada pola súa imaxe ou polo seu peso, salienta o profesor, son algúns dos factores a ter en conta á hora de diagnosticar este tipo de trastornos.

Os adestradores “son as persoas que máis influencia teñen sobre estes rapaces e rapazas seguidos polos compañeiros de equipo e os familiares”, asegura Joaquín Dosil, que neste tramo final de tempada está a colaborar co RC Celta na preparación psicolóxica dos xogadores. É por iso que “estas figuras de referencia deben estar concienciadas da necesidade de traballar na prevención deste tipo de condutas prexudiciais para a súa saúde”, destaca. Tamén inflúen nos hábitos destes deportistas os medios de comunicación, aínda que en menor medida segundo revela o estudo.

Traballar dende a prevención

Un total de 308 deportistas vinculados a 14 Centros de Alto Rendemento e de Tecnificación de toda España participaron nesta investigación. Segundo salienta Dosil, o datos extraídos “foron moi significativos xa que o 6,7% dos enquisados, un dato moi elevado, tiñan algún ou varios síntomas que indicaban unha posible aparición deste trastorno”. Comportamentos non axeitados, unha preocupación desmesurada á hora de comer en relación ao que se inxire e en que cantidades, un control demasiado exhaustivo do seu peso corporal ou a grande influencia que exercen outras persoas sobre eles son algúns dos indicios atopados logo de analizaren os resultados do Cuestionario de Hábitos Alimentarios do Deportista (CHAD) que se lles remitiu dende o grupo de investigación.

Entre as conclusións do estudo “cómpre salientar a sensibilidade da sociedade nesta temática ao tempo que se está a traballar na procura posibles solucións dende o eido da prevención”, asegura o investigador. Así, “a investigación senta as bases de como debe ser a intervención e abre camiño detectando cales son as modalidades deportivas de risco e actuando de xeito individualizado”, comenta. Con todo, hai que centrar unha parte dos esforzos naquelas modalidades non de risco xa que o estudo tamén revela a aparición, cada vez máis numerosa, de casos en deportes coma o baloncesto feminino ou o fútbol.