DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia de José Mª Casas, inspector xefe de Traballo e da Seguridade Social de Pontevedra

Advirten das implicacións de quitar a autorización previa nos EREs

A reforma laboral permite os axustes de persoal alegando causas xerais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/03/2012

De 100 a 5 páxinas. Así resumía visualmente José Mª Casas, inspector xefe de Traballo e da Seguridade Social de Pontevedra, as consecuencias da reforma laboral na tramitación dos expedientes de regulación de emprego EREs. Se antes do 11 de febreiro un empresario que quería facer un axuste de persoal tiña que fundamentar as causas e conseguir unha autorización administrativa para levalo a cabo, agora só é preciso alegar unha causa xeral e non é necesario o visto bo dos inspectores de Traballo. Unha modificación substancial que, advertiu, ten consecuencias que hai que ter moi presentes, tanto traballadores como empresarios.

Con esta intervención de José Mª Casas, presentada por Marta Fernández, comezou este luns na Facultade de Dereito do campus de Ourense un Ciclo de Conferencias no que destacados expertos do ámbito académico e profesional explicarán ao alumnado de cuarto e quinto da titulación cuestións de actualidade desde unha perspectiva xurídica. “Pontevedra, despois de Madrid, Barcelona e Valencia é, en termos absolutos e non relativos, a cuarta provincia española en número de EREs”, comezou explicando o inspector xefe de Traballo aos asistentes ao ciclo.

Coa experiencia que proporciona esta elevada cifra de regulacións de emprego, Casas debullou para os estudantes a reforma laboral e as súas consecuencias. Coa eliminación da autorización administrativa para a execución dun ERE, salientou, “os empresarios executan a medida e os traballadores que non estén de acordo só teñen a posibilidade de acudir aos xuíces, non á intervención administrativa”. Sobre as interpretacións por parte do empresariado de que a eliminación do papel dos inspectores nos axustes de persoal vai ser positiva, advertiu que “coidado que os xuíces non son tan fáciles” e o que en teoría pode ser unha vantaxe na práctica pode non selo.

O inspector xefe de Pontevedra chamou a atención aos asistentes sobre as consecuencias das modificacións realizadas pola reforma laboral na contratación, na mobilidade interna na empresa e nos axustes de persoal pero sobre todo no feito de que “é a primeira vez na historia que se toma unha decisión deste calibre e non se pactou con ninguén, nin con sindicatos nin con empresarios”, apuntou.

A próxima cita, o 12 de marzo

Ademais da intervención de Casas esta primeira sesión do ciclo contou coa participación dos docentes Marta García, da Universidade da Coruña; Antonio Carlos Pereira, da Universidade de Santiago de Compostela; e Mª Victoria Petit, da Universidade Jaume I de Castellón. Eles foron os encargados de afondar en cuestión como a arbitraxe en Dereito, a crise da UE e a protección xurídica do pasaxeiro no transporte aéreo.

A Facultade de Dereito retomará o Ciclo de Conferencias o día 12 de marzo. Pedro Ibáñez, presidente do Tribunal Economico-Administrativo Rexional de Galicia falará entón sobre o funcionamento deste tipo de tribunais. Seguiralle Juan Carlos Aladro, fiscal-xefe Provincial de Pontevedra cunha intervención sobre o poder de acusar do Ministerio Fiscal. Para rematar, Marcos Vázquez, director da Escola de Práctica Xurídica Pérez Ávila de Ourense falará sobre o mestrado da abogacía.