DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlota Hernández García é alumna da Escola de Enxeñería Industrial 

Aecoc premia unha egresada da UVigo por un traballo sobre os envases e embalaxes sostibles no comercio electrónico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 25/02/2022

Los envases y embalajes sostenibles en el comercio electrónico: un estudio de benchmarking en el sector del menaje é o título do Traballo Fin de Grao (TFG) co que a alumna do Grao en Enxeñería de Organización Industrial da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, Carlota Hernández García gañou o primeiro premio na categoría Supply Chain (Cadea de Subministro) da 9º edición dos Premios académicos da Asociación Española de Codificación Comercial (Aecoc). O traballo co que a egresada da UVigo fíxose co premio de Aecoc foi codirixido polos docentes e investigadores do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Escola de Enxeñaría Industrial, Jesús García Arca e Iván González Boubeta. “No TFG realízase un estudo de benchmarking (unha análise estratéxica profunda das mellores prácticas desenvolvidas por empresas do mesmo segmento) que consta de dúas partes: unha primeira que desenvolve un modelo de avaliación do envase e embalaxe no comercio electrónico e unha segunda que aplica o modelo de avalación sobre unha mostra de 13 empresas do sector do menaxe en liña”, detalla Jesús García sobre o traballo de Carlota Hernández.

Os Premios académicos de Aecoc, que foron entregados nas últimas horas nun acto celebrado en Madrid, recoñecen os mellores TFG e tamén Traballos Fin de Mestrado (TFM) do alumnado de universidades españolas, presentados no curso 2020-2021, relacionados con sector do consumo. Aos premios deste ano, que teñen unha dotación económica de 3000 euros para as ou os autores e 1000 para os titores, presentáronse preto de 200 candidaturas. Xunto ao primeiro galardón na categoría Supply Chain outorgado á Carlota Hernández, alumnado das universidades Politécnica de Madrid, Burgos e Almería, acadaron os premios nas restantes categorías: trade marketing,  tecnoloxía aplicada e Pepsico-Sostibilidade.

Con máis de 31.000 empresas asociadas, Aecoc é unha das maiores asociacións empresariais de España e a única que reúne a todos os axentes da cadea de valor, desde produtores e fabricantes, a operadores loxísticos y distribuidores.