DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns comezou un nova edición do Ciclo de Cine Ambiental Social de Syme

A agricultura ecolóxica busca o seu sitio en tempos de crise

O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de debate sobre problemáticas ambientais destacadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/10/2012

En tempos de bonanza económica, a agricultura ecolóxica comezou o seu despegue e en tempos de crise non parece disposta a deterse. Este tipo de produción consolídase como unha alternativa persoal e empresarial para a xente que vive ou quere vivir no rural galego. Por este motivo, esta temática foi a elixida para iniciar este luns a quinta edición edición do Ciclo de Cine Ambiental Social da Asociación Ambiental e Universitaria Syme, que pretende ser un foro de debate de problemáticas ambientais destacadas na actualidade.

José Antonio Pérez, presidente de Syme, foi o encargado de inaugurar este luns o ciclo no Edificio de Ferro, lugar onde se celebrarán as nove sesións desta iniciativa, que conta co patrocinio, alén do campus de Ourense, das concellarías de Limpeza e Cultura da cidade das Burgas. “Serán dez horas de formación no eido da agricultura ecolóxica, dez horas de fotografía e arredor de 15 horas de proxeccións e conferencias”, destacou José Antonio Pérez durante o acto de apertura. Nesta primeira sesión, alén de proxectarse diferentes documentais vinculados coa agricultura ecolóxica, o doutor en Bioloxía José Méndez foi o encargado de introducir aos participantes na historia, na actualidade e no futuro desta práctica agrícola e de afondar nas características das sementes ecolóxicas.

“Plantar algo e non poñerlle nada non converte aos produtos en ecolóxicos”, advertiu Méndez. Sementes autóctonas ou certificadas e uns coidados de acordo á normativa vixente son os que en realidade determinan a consecución da desexada etiqueta de produto ecolóxico. “Fronte a unha agricultura tradicional, a ecolóxica ten como consecuencias fundamentais a conservación da biodiversidade, a diminución da contaminación e dar un valor engadido aos produtos do campo”, destacou o biólogo. O asentamento no medio rural de poboación nova e formada que busca unha alternativa vital e profesional na agricultura, apunta Méndez, é unha posibilidade de futuro para o auxe da xestión ambiental.

Ata o 26 de outubro

Despois da inauguración deste luns, o ciclo continuará ata o 26 de outubro cun intenso programa de proxeccións, conferencias e actividades. Os participantes poderán ver as producións O mundo segundo Monsanto?; A agricultura ecolóxica; Os nosos fillos acusarannos; Home; Comprar, tirar, comprar; Enlighten up; O efecto Iguazú; A historia das cousas; The story of change e Economía do ben común. Cada unha delas será proxectada no marco dun foro moderado por unha persoa vinculada coa temática obxecto de debate.

Ademais de continuar profundando na temática da agricultura ecolóxica, o Ciclo de Cine Ambiental Social tratará nas vindeiras sesión temas como a xestión de residuos domésticos e industriais, a normativa ambiental e as características dunha reserva da biosfera como a de Allariz. Por último, nas sesións de fotografía os participantes aprenderán conceptos básicos de fotografía, especialmente tendo en conta o seu emprego na natureza e na concienciación ambiental.