DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha obra de teatro de Sera Sánchez afonda sobre o papel destes profesionais en tempos de crise

Alaska 2099 pon en escena as problemáticas dos educadores sociais

Representarase no Auditorio coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación e a Vicerreitoría

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 23/02/2012

Ano 2099. Unha crise económica global está facendo que os recursos se esgoten. Nunha cidade perdida entre Estremadura e Alaska asistimos ao día a día de Quique, un traballador social que exerce a súa profesión nunha sociedade na que domina a comunicación virtual e na que a premisa é vixiar que os recursos non se malgasten. Este é o argumento da obra de teatro Alaska 2099 que o vindeiro 29 de febreiro se representará no Auditorio Municipal de Ourense e que pretende suscitar o debate arredor das problemáticas e do traballo dos educadores sociais, tanto na actualidade coma no futuro.

A representación da obra, organizada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e a Facultade de Ciencias da Educación coa colaboración do Concello de Ourense e a Vicerreitoría do campus, enmárcase na xira 2012 da compañía La Factoría Sánchez, que levará a súa peza teatral ás cidades galegas que contan con estudos de Educación Social, que son ademais de Ourense Santiago de Compostela e A Coruña.

Segundo salienta Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, esta obra é especialmente interesante para o colectivo de educadores sociais porque está realizada por un compañeiro de profesión como é Sera Sánchez e polo tanto afronta o tema desde unha perspectiva interna. Ademais desta autoría, Cid apunta que o seu centro participa na organización desta actividade porque “nos permite dar ao alumnado unha visión, desde o humor e a ironía, complementaria á académica sobre a profesión que exercerán no futuro e as problemáticas que terán que afrontar”.

Debate social, non só profesional

Dirixida por Nuria Inglada e Rafa Sánchez, a obra está aberta non só á asistencia de educadores sociais e profesionais vinculados con esta área. Tamén está convidado a asistir o público xeral, por considerar que as cuestións que trata, como son a calidade dos servizos sociais, afectan directamente ao conxunto da poboación.

A peza teatral é continuidade da obra da mesma autoría Educador social en Alaska, que aborda o funcionamiento dos servizos sociais na actualidade, nun contexto de crise económica. Con Alaska 2099, a compañía quere reflexionar e xogar a ver como serían esos mesmos servizos sociais nun futuro inmediato e empregar esta visión para prantexar temas actuais, como son a crise económica, o problema da privacidade, o uso das novas tecnoloxías ou mesmo wikileaks.

A representación, que foi presentada este mércores por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Isabel Pérez, concelleira de Cultura de Ourense; Ramón Molina, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, e Xosé Manuel Cid, terá lugar o día 29 de febreiro, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal. O custe da entrada é de 1,5 euros para estudantes e colexiados e 3 euros para o público xeral.