DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O III Foro de Economía Galega reúne a 50 expertos para abordar os problemas socioeconómicos da rexió

“Alemaña tomou medidas moi duras hai xa oito anos e iso deulle vantaxe á hora de saír da crise”

O economista Carsten Moser asegura que o país viu frustrados os seus intentos para captar traballado

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 02/02/2012

Ten un índice de paro de tan só o 7%, por iso buscar traballadores fóra das súas fronteiras non lle está a resultar doado. Coa vista posta en España e no seu capital humano, Alemaña non consegue abastecerse dos enxeñeiros, médicos, enfermeiros e empregados do sector hostaleiro e turístico que necesita. Esta é unha das reflexións de Carsten Moser, presidente da Cámara de Comercio Alemá para España, que será un dos participantes no III Foro de Economía Galega 2012 que se celebra hoxe xoves e mañá venres na Illa da Toxa. Un espazo de debate no que se darán cita medio cento de economistas, empresarios e xornalistas para “facer unha diagnose da situación”, compartir ideas estratéxicas e levalas “ao debate colectivo” a través dos medios de comunicación. “Temos que ser unha plataforma para a transferencia do coñecemento, abordando os problemas socioeconómicos da nosa contorna e aportando perspectivas estruturais a longo prazo”, explicou Santiago Lago, coordinador do acto organizado por Rede.

Cinco frontes abertas

Mentres as academias énchense de alumnos dispostos a aprender alemán a marchas forzadas, Alemaña quéixase de que as barreiras lingüísticas que os separan tardarán anos en derrubarse. “Aquí non hai moitos enxeñeiros en paro e o sector sanitario prefire ir ao Reino Unido porque hai máis españois traballando alí e o idioma é máis fácil. Un idioma que é aínda máis importante para a hostalería e o turismo, único sector no que hai moita xente disposta a emigrar. A aprendizaxe de alemán aumentou moitísimo, pero queda certo percorrido”, explicou Moser. O presidente da Cámara de Comercio Alemana e membro do padroado da Fundación Bertelsmann aproveitará o foro para facer unha valoración do que desencadeou a crise en España, en Europa e a nivel mundial e “algunhas pinceladas” sobre o que hai que facer para saír dela. E hai demasiados frontes nos que intervir. “Non só debemos tratar os aspectos financeiros, senón que tamén hai que ter en conta as reformas feitas, a crise inmobiliaria e a crise política, xa que moitas veces os políticos reaccionaron mal e tarde. E o máis importante, facer unha autocrítica, xa que os empresarios debemos ser máis competitivos e os cidadáns máis solidarios e máis decididos a forxar o seu propio destino, a ser máis emprendedores”, salientou.

Neste camiño cara o final do túnel, o país teutón é un bo exemplo a seguir. “Alemaña comezou hai oito anos unhas reformas que afectaban a temas moi importantes. Tiveron que aplicarse medidas moi duras, que obtiveron tantas protestas como as que se están producindo en moitos países agora. Pero xa levan tempo en marcha e iso deulle unha gran vantaxe cando chegou a crise, da que saíu máis rápido que o resto”, recordou Moser.

Unha implicación global

O grupo Rede (Research Group in Energy, Innovation and Environment) da Universidade de Vigo é o encargado de organizar un foro que trata en cada edición distintos temas de actualidade. Nesta ocasión pon sobre a mesa a articulación administrativa de Galicia; as infraestruturas e a falta de intermodalidade; a mellora da relación entre universidades e empresas; e o problema que supón a falta de espírito emprendedor na comunidade galega. Entre os participantes atópanse representantes das universidades galegas, de Barcelona, da UNED e de Georgia; de empresas como o Grupo R, Grupo Pérez Rumbao, Novagalicia Banco, Rodman, Nogar ou Brico King ; e de medios de comunicación como El Mundo, El País, El Progreso, La Voz de Galicia, La Región, El Correo Gallego ou a CRTVG, tamén patrocinadora do evento.