DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense, presente na Feira de Entidades co gallo do Día Internacional do Voluntariado

Algún voluntario?

Achegou aos cidadáns información sobre os 18 proxectos de diferentes entidades nos que colabora

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 05/12/2014
Difundir o traballo do programa de voluntariado do campus de Ourense e animar á xente a involucrarse. Eses son os obxectivos cos que a Oficina de Voluntariado da Universidade de Vigo participou hoxe na Feira de Entidades organizada polo Concello na Praza Maior co gallo do Día Internacional do Voluntariado, na que compartiu espazo con diferentes entidades que están a levar a cabo algún labor solidario na cidade, como Cruz Vermella, Cáritas, Banco de Alimentos ou a Fundación Coren.

Dúas horas á semana son suficientes

Baixo o lema ‘Dásme un anaco?’, a Oficina de Voluntariado dependente do Vicerreitorado de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais aglutina todo un programa de colaboración no que todos os interesados en doar parte do seu tempo e ‘voluntarizarse’ poden escoller entre 18 proxectos de colaboración con ata 11 entidades, ademais do seu propio Programa de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais (PIUNE), co que se apoia aos estudantes con discapacidade na procura dunha completa igualdade de oportunidades e unha integración total na vida universitaria a través de soporte ao estudo, asesoramento ou acompañamento en actividades. Tan só son necesarias dúas horas á semana para poder achegar un gran de area na marea da solidariedade.

A Oficina de Voluntariado do campus de Ourense colabora nestes intres coa AECC no programa hospitalario para o apoio a enfermos e familiares que se atopan ingresados no CHOU ou no de prevención para campañas de prevención; con Amencer no proxecto Xangal, para participar nun espazo lúdico educativo dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 e 18 anos; no comedor social de Cáritas tanto para atender ao público como para axudar en cociña; no proxecto de ocio e tempo libre da asociación Down ou mesmo no centro ocupacional ou no residencial entre semana ou fin de semana de Aspanas.

Tamén están en marcha proxectos de colaboración con Scouts de Galicia nos programas de mellora da calidade de vida infantil, de saúde e integración ou de promoción social da mocidade e búscanse solidarios para o taller de informática de COGAMI, as campañas de recollida solidaria do Banco de Alimentos, o voluntariado en diferentes eidos ou a recollida de xoguetes e libros de Cruz Vermella, a recadación de cartos xunto á ONG Coopera na Olimpíada Solidaria de Estudos ou o programa de inclusión para reclusos de APES. Para o estudantado, 30 horas de voluntariado poden traducirse nun crédito ECTS.

Futuras colaboracións

O vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, aproveitou a presenza por primeira vez da Universidade de Vigo na feira para achegarse ás entidades que desenvolven labores de voluntariado na cidade e coas que xa está a colaborar, ademais de coñecer de que se están a desenvolver labores de voluntariado na cidade, ademais de para coñecer de primeira man os proxectos levados adiante por outras institucións e coas que se poden establecer algún tipo de relación no futuro.