DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Edificio de Ciencias Experimentais

Algúns dos maiores expertos mundiais en aplicacións da supercomputación daranse cita este venres no campus

Nun workshop organizado pola Rede Galega de Computación de Altas Prestacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 20/05/2010

Tres dos maiores expertos internacionais en aplicacións da supercomputación danranse cita este venres no Edificio de Ciencias Experimentais no marco do III Workshop sobre Aplicacións da Supercomputación. Organizado pola Rede Galega de Computación de Altas Prestacións, esta xornada, celebrada en A Coruña na súa anterior edición, está dirixida a calquera investigador interesado en técnicas computacionais de última xeración para a realización de cálculos complexos.
Os relatores son destacados expertos internacionais neste campo “pero que proveñen de diferentes ámbitos como son a informática e matemática, a bioloxía ou as ciencias da terra”, segundo explica o profesor David Posada, do grupo de Bioinformática e Evolución Molecular. Afondarán nas súas intervencións cada un deles en diferentes aplicacións destas técnicas, primeiramente no análise numérico en sistemas lineares, posteriormente na estimación de árbores filoxéneticos e finalmente na simulación do clima e química da terra, pero sempre dende o punto de vista da supercomputación.

Programa da xornada

O primeiro en intervir na xornada será ás 10.00 da mañá Iain S. Duff, do STFC Rutherford Appleton Laboratory, Oxfordshire, UK and CERFACS, Toulouse, France, cun relatorio titulado The solution of really large linear systems arising from discretizations of three-dimensional problems. Xa ás 10:45 h será a quenda de Alexandros Stamatakis, do Technische Universität München, Germany e a súa conferencia versará sobre Orchestrating Phylogenetic Likelihood Computations on Parallel Architectures. Ás 12:00 para rematar exporá o seu traballo Simulating Earth's Climate and Chemistry with the Earth's Biggest Computers, Andrew Gettelman, do National Center for Atmospheric Research, Boulder, CO, USA.

A rede

A Rede Galega de Computación de Altas Prestacións (Red G-HPC) reúne grupos de investigación das tres universidades galegas xunto Centro de Investigación e Información Ambiental e o Centro de Supercomputación de Galicia. Nela participan tres grupos da Universidade de Vigo, o grupo de Antenas, o grupo de Bioinformática e Evolución Molecular e o grupo de Física da Atmosfera e do Océano.
A finalidade desta rede é poñer en contacto e propiciar a colaboración entre grupos e centros de investigación do SUG e usuarios de tecnoloxías HPC (High Performance Computing). Así, a rede dous obxectivos principais, por unha banda potenciar colaboracións de investigación interdisciplinares entre os grupos integrantes da mesma, así como con outros grupos de investigación ou empresas que poidan estar interesadas na investigación e desenvolvemento de tecnoloxías que necesiten supercomputación ou outras técnicas HPC. Por outra banda traballa a rede na organización de cursos de formación, xornadas de conferencias, seminarios ou workshops que axuden a diseminar o coñecemento en tecnoloxías HPC e, neste marco, se encadra este III Workshop sobre Aplicacións da Supercomputación.
Na actualidade son 13 os grupos e centros de investigación que forman parte da Rede G-HPC e traballan por unha banda na identificación de oportunidades de investigación emerxentes, concorrendo ás convocatorias de financiamento dos diferentes programas de I+D+i existentes para capturar recursos que permitan a colaboración dos grupos; tratan de favorecer a transferencia do coñecemento e a tecnoloxía como resultados da investigación;
difunden as posibilidades da computación de altas prestacións e as súas aplicacións en diferentes contornas tanto universitarias como empresas privadas. Ao mesmo tempo, dende a rede fixáronse os obxectivos de promover e motivar a adopción e utilización de Tecnoloxías HPC como ferramentas para os grupos da rede, compartir o acceso a recursos computacionais entre os membros, impulsar a formación con cursos e seminarios de especialización e posgraos, promover a participación conxunta en contratos e convenios e manter a idea de traballo en rede. Para isto, a Rede G-HPC traballa na incorporación dos seus membros en outras redes semellantes, principalmente europeas e de América Latina.