DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesor na Universidade de N’Djaména

Ali Mahamat defende o sistema xudicial de Chad no caso Arca de Zoé

Nunha conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 09/11/2007
“O sistema xudicial de Chad funciona. Eu agora o que desexo é que a xustiza poida facer o seu traballo, para que así os inocentes poidan ser liberados e os culpables condenados. Hai que deixar traballar aos xuíces chadianos para que poidan investigar”. Así o defendeu este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución o chadiano Ali Mahamat Mahamoudi, experto na mediación e no diálogo para a resolución non violenta de conflictos armados, nunha conferencia, organizada pola Universidade e Intermón-Oxfam, na que reflectiu a difícil situación que vive o seu país.
Respecto á posibilidade de repatriación dos detidos, Alí sinala que “existe esta posibilidade, pero é a xustiza chadiana a que ten que decidir se aplica ou non esta medida. A veces faltan medios, pero non dubido que hai xuíces íntegros que poden facer este traballo”. No que se refire a intervención de Sarkozy no conflito, o experto africano pensaba inicialmente que podería axudar a calmar as cousas, “pero, á vista dos resultados, hai que ter moito coidado porque unha ou dúas palabras poden inflamalo todo de novo. Máis que intervencións o que é necesario é que haxa calma para poder solucionar o conflito”.
Segundo a visión de Mahamat, o conflito coa ONG francesa a Arca de Zoé non puido ser máis inoportuno. “Chega nun intre no que hai moitas organizacións internacionais traballando en Chad, dando a súa axuda a un país que as precisa máis que nunca. Con este caso dánase a súa reputación e dificúltaselle o seu labor alí, un traballo ata agora moi valorado no país africano”, sinala Mahamat, profesor de Xeografía e investigador na Universidade de N’Djamena, a máis importante do país.
“No Chad a seguridade social non existe, a asistencia sempre a dá a familia, se un cativo queda orfo, sempre hai algunha familia que o acolle, este neno nunca vai quedar só. Os poucos orfanatos que hai en Chad non dan nenos en adopción”, explicou Ali Mahamat.

Un país en guerra desde 1965

Cunha poboación de 9.000.000 millóns de habitantes e unha extensión de máis de 1.200 quilómetros cadrados, a República de Chad leva en guerra desde 1965. A isto hai que engadir 200.000 refuxiados desprazados de Sudán que, á súa vez, motivaron o desprazamento dos chadianos do sur do país cara a outras zonas.
“A mensaxe que quero transmitir aquí é que aínda que haxa múltiples conflitos estamos seguros de que a través da negociación se pode solucionar”, recalcou Mahamat. “De todas maneiras, necesitamos a paz dos países veciños para lograr a nosa propia”.
Os fortes problemas de cohabitación entre os refuxiados do Sudán e os chadianos, agrávanse pola falla de recursos da zona. Ao longo da exposición, Alí Mahamat amosou diferentes fotos que reflectían a situación nos campos de desprazados, “as cousas son horribles cando se ven de preto. Aquí por exemplo vedes a cabana dunha desprazada, a penas ten metro e medio de diámetro e fóra catro pedras onde facer unha comida que non ten”.

Mediación internacional

Segundo a charla de Mahamat, a Unión Europea levará en breve forzas para dar protección e seguridade a esta rexión e intentar levar a cabo un proceso de reconcialización. “Despois o que precisaremos será un bo programa de seguimento para conseguir que os acordos se cumpran. Ao tempo é necesario reconstruír a zona ou, cando menos, cubrir as necesidades básicas para que estes pobos poidan volver ás súas casas”.