DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras un acordo asinado este xoves na sede da Reitoría

Alianza entre o Centro de Investigación Mariña da UVigo e Anfaco-Cecopesca para impulsar proxectos conxuntos de investigación e transferencia

Abordarán diversas áreas de investigación e moitos deles levaranse a cabo na Ecimat de Toralla

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 21/12/2023

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) e Anfaco-Cecopesca, organización que aglutina a máis de 250 empresas de todos os chanzos do complexo mar-industria alimentaria, asinaron este xoves un convenio de colaboración de catro anos de duración co obxectivo de potenciar a investigación e transferencia no ámbito mariño, ademais de promover o desenvolvemento de proxectos conxuntos nestes ámbitos. Asinaron o acordo o reitor, Manuel Reigosa; o director do CIM, Daniel Rey, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Roberto Alonso.

A alianza entre o CIM e Anfaco-Cecopesca traducirase nunha serie de colaboracións estratéxicas que abordarán diversas áreas de investigación, destacando especialmente o cultivo de diferentes organismos mariños, como macroalgas, bivalvos e outros invertebrados. Estas colaboracións centraranse no estudo dos factores condicionantes do proceso e do ciclo reprodutivo dos devanditos organismos, que permitan a súa transferencia ao tecido produtivo.

Proxectos conxuntos na Ecimat e moito máis

Así, segundo o acordo asinado, está previsto levar a cabo distintos proxectos na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, utilizando instalacións como salas de cultivo, mesocosmos, pantalán e batea, espazos que permiten levar a cabo experimentos en condicións, total ou parcialmente, controladas e nunha contorna piloto. A maiores, no marco desta colaboración, fortalecerase tamén a relación entre a Universidade de Vigo e Anfaco-Cecopesca, estendendo o apoio que presta esta organización á formación de estudantes e investigadores a través da colaboración en Traballos de Fin de Grao (TFG), Traballos de Fin de Máster (TFM), prácticas extracurriculares e prácticas de máster, entre outras cuestións.

Tal e como se subliñou tras o acto de sinatura, o novo convenio reflicte o compromiso de ambas institucións coa investigación mariña e o impulso da innovación no sector, consolidando unha alianza estratéxica que contribuirá significativamente ao avance científico e tecnolóxico no sector. 

A relación entre Anfaco-Cecopesca e a Universidade de Vigo remóntase a 1996, data na que se puxo en marcha, de maneira conxunta, a primeira edición do Máster en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca, título que se mantén na actualidade, sendo unha das titulacións que acada mellores resultados nas enquisas de satisfacción do alumnado e que logra tamén excelentes cifras de inserción laboral.