DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo asinou un acordo de colaboración con UTAD e IPP co Campus da Auga como contex

Alianzas que derruban as barreiras artificiais entre Galicia e Portugal

Investigadores das tres institucións marcaron as primeiras liñas de investigación conxuntas a desenv

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 14/11/2014
“Con este paso que deron os nosos investigadores hoxe estamos demostrando que non nos quedamos soamente nun protocolo, nun papel firmado, senón que mesturamos os nosos saberes para seguir traballando nunha fábrica de proxectos que vai posibilitar o desenvolvemento económico de Galicia e do Norte de Portugal”. Así de contundente se amosaba o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, trala sinatura en Porto do acordo que permitirá á institución viguesa colaborar no ámbito académico e de investigación coa Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro (UTAD) e co Instituto Politécnico de Porto (IPP).

Liderada polo Campus de Ourense, esta alianza estratéxica xa deu os seus primeiros pasos de cara a debuxar un mapa de dobres titulacións e buscar proxectos de investigación internacionais cos que captar estudantado e achegas económicas para o Campus da Auga. Todo baixo “un paraugas e unha marca” que consiga “chamar a atención a modo de lobby positivo sobre as institucións, dando moita vida e creando moitas posibilidades de desenvolvemento en toda a Eurorrexión”.

Primeiro encontro entre investigadores

Con lazos de colaboración xa existentes, este acordo o que pretende é “potenciar e incrementar as sinerxías en investigación e docencia” nun momento no que o Campus da Auga está a dar os seus primeiros pasos, como asegurou o Vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez. Por iso, o Instituto Superior de Enxeñaría de Porto (ISEP) acolleu hoxe o primeiro encontro entre investigadores e representantes das tres institucións para acadar puntos en común sobre os que xerar futuras liñas de investigación arredor de tres eixos centrais: a auga, o turismo e a alimentación.

No ámbito do turismo Universidade de Vigo, UTAD e IPP atoparon diversas áreas con competencias complementarias que se poden abordar dende unha perspectiva territorial. Así, coa profesora Elisa Alén entre na mesa de traballo, definíronse como futuras liñas de investigación o turismo e a auga entendida como termal, os destinos intelixentes, o márketing de cidade, o xeoturismo, o comportamento do turista e o turismo cultural e arqueoloxía industrial.

Pola súa banda, o grupo dedicado á auga identificou “unha parte importante de cousas que estamos a facer de xeito similar ou complementario a un e outro lado da fronteira”, explicou Ramón G. Gesteira, encargado da parte da auga relativa ás ciencias e que participou xunto con Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito do campus de Ourense, encargado de achegar unha visión xurídico-social. Como potenciais ámbitos de traballo detectaron os usos sostibles, como a protección e usos dos ecosistemas acuáticos ou o desenvolvemento sostible; a calidade, como as novas tecnoloxías en tratamento de augas residuais ou a avaliación de riscos; e os novos retos, entre os que se atopan a variedade climática, a conexión entre auga marina e doce ou a mestura entre auga, cultura e sociedade.

No campo da alimentación, co profesor Javier Rodríguez como representante ourensán, acordaron que se trataba dunha investigación pragmática e marcaron algunhas liñas que se podían desenvolver rapidamente, como o aumento da competitividade das empresas cos productos rexionais, a innovación alimentaria, a biodiversidade ou a biotecnoloxía.

Aproveitar oportunidades

“Temos que agradecer a tarefa de identificar os puntos de partida e animaros a seguir adiante, porque este traballo conxunto vai facer posible que se aproveiten todas as oportunidades que nos brindan en distintos foros”, asegurou o reitor vigués que animou a “volcar estas ideas e proxectos cooperativos non só na nosa rexión, senón tamén a nivel internacional, porque é unha estratexia de fortaleza de cara ao horizonte 2020”.

A presidenta do IPP, Rosário Gamboa, quixo recalcal durante a sinatura do memorandum “o clima de confianza e cooperación” acadado entre os investigadores na procura dunha parcería específica de cooperación. “É un xeito de organizar mellor o traballo. Nós temos a responsabilidade de achegar valor ás nosas rexións e ese carácter pragmático que debemos ter agora servirá para percibir onde está a especialización intelixente, potenciar mellor a investigación das nosas institucións e crear as nosas propias oportunidades”, salientou. Unhas oportunidades que para o reitor da UTAD, Antonio Fontainhas-Fernandes, pasan por “construír dinámicas empresariais, xa que a ciencia ten que estar do lado das empresas e transformar o seu potencial nestas tres áreas”.