DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cuarta edición do curso de verán de Lingua e Cultura Galegas

Allariz acolle aos futuros embaixadores do sentir galego

Coa participación de 24 alumnos de España e diversos países europeos

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 21/07/2010

Madrid, Cáceres, Valladolid ou Polonia son algúns dos lugares de orixe dos 24 alumnos que están a participar no IV Curso de verán de Lingua e Cultura Galegas, organizado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade e que se desenvolverá ata o 26 de xullo en Allariz.

O curso, dirixido a persoas non galego falantes, conta coa participación de alumnos procedentes de diversas localidades españolas, como Cáceres e Madrid e tamén de países europeos, salientando unha acusada presenza de estudantes polacos, “que conforman máis do 50% do noso alumnado” comenta a profesora do curso, Elvira Riveiro. “Os estudantes de Polonia teñen un grande interese pola lingua e cultura galegas, tanto que en Crackòvia e Varsovia hai centros de estudos galegos” explica a docente.

Transmitir un xeito de vivir

A través deste curso o alumnado, repartido en dous niveis, un inicial e outro intermedio, segundo os seus coñecementos previos, poderá aprender e perfeccionar o galego mediante clases teórico-prácticas centradas na lingua e a literatura, con exercicios de gramática. “Son clases moi participativas, porque o que nos interesa é que os alumnos aprendan a comunicarse oralmente e é prioritario que falen antes que escriban” sinala Riveiro. “O obxectivo deste curso é afondar na lingua, a cultura e a literatura galegas para transmitirlle ao alumnado a forma de vivir que experimentamos en Galicia, posto que é tan importante o coñecemento lingüístico como a inmersión cultural” salienta.

Precisamente, para completar a súa formación, o alumnado contará con actividades culturais así como viaxes, visitas e excursións a algúns dos lugares máis representativos de Galicia, “unha parte fundamental para a súa formación” indica a docente, “xa que ademais dos vídeos e documentais que se expoñen nas clases maxistrais, o alumnado precisa vivilo, tocalo e sentilo e en moitas ocasión se quedan abraiados coa cultura galega”.

Actividades culturais

Literatura, música, historia, sociolingüística e cine son algúns dos temas que centran as actividades propostas no curso, nas que o alumnado poderá coñecer de preto as tradicións e os costumes da cultura galega. “Contamos con moitas personalidades e especialistas para falar sobre temas específicos que permiten ao alumnado afondar no panorama e a realidade de Galicia” afirma Riveiro.

A música é un compoñente de peso neste curso, xa que os alumnos poden gozar de concertos didácticos “onde escoitar a música máis tradicional de Galicia, pero tamén a máis moderna” asegura a profesora. Na programación figura o obradoiro de música tradicional da man de Ultreia, para coñecer de primeira man varios instrumentos propios de Galicia, a participación do cantautor Leo de Matamá e o concerto da Orquestra Nacional do Batallón, composta por membros de diversos grupos consagrados do folk galego. Ademais das conferencias e encontros, os alumnos do IV Curso de verán de Lingua e Cultura Galegas realizarán visitas culturais a museos e localidades galegas de referencia, como o Museo Liste e o Mosteiro de Oseira, os canóns do Sil e As Medulas, así como a visita a Santiago de Compostela o día 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia. “Será unha xornada moi especial para os alumnos, posto que ao ser o día da patria galega é o momento ideal para coñecer a parte cultural, histórica e máis activa da cidade” sinala a docente.

Un curso con moi boa acollida

“A acollida do curso é todo un éxito, o alumnado está moi satisfeito e o ambiente é moi agradable” asegura Elvira Riveiro. Este éxito materialízase nas gañas de repetir a experiencia que amosan algúns dos alumnos, como é o caso dun estudante cacereño “que quedou moi contento o ano pasado e volveu a formarse de novo este verán, nesta ocasión no nivel intermedio” indica a profesora. Todos os alumnos contan ademais cunha bolsa valorada en 450 euros para sufragar os gastos de aloxamento e manutención derivados do curso. O estudantado que supere o curso obterá unha certificación oficial de coñecemento elemental ou intermedio da lingua galega expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.