DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha infraestrutura dixital, segura e intelixente que dá soporte a múltiples servizos e funcións

O almirante xefe do Estado Maior da Armada visita o SSI, un sistema creado por Navantia e UVigo para converter os barcos en plataformas intelixentes

Antonio Piñeiro estivo acompañado polo presidente de Navantia e dous vicerreitores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 18/07/2023

Continúan a máis que bo ritmo os traballos entre Navantia e a Universidade de Vigo para converter os barcos en auténticas plataformas intelixentes. Así quedou de manifesto esta semana nunha demostración do denominado SSI, Sistema de Servizos Integrados, que contou coa asistencia do almirante xefe do Estado Maior da Armada, AJEMA, Antonio Piñeiro; o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, e os vicerreitores da UVigo, Belén Rubio, de Investigación, Transferencia e Innovación, e José Luis Míguez, de Planificación e Sostibilidade. “O obxectivo desta xornada foi, xustamente, presentarlle ao almirante xefe do Estado Maior da Armada o SSI deseñado polo grupo do profesor Obellleiro”, explicou a vicerreitora.

A demostración do sistema tivo lugar no polígono loxístico e tecnolóxico de Valladares, onde a UVigo conta cun demostrador que simula a infraestrutura dun buque. O SSI está financiado por Navantia, que tamén ostenta a súa propiedade, e foi deseñado e desenvolvido por un equipo de  investigadores e investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, baixo o liderado do catedrático Fernando Obelleiro, do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas.

Nodos intelixentes distribuídos por todo o buque

A demostración do sistema incluíu unha presentación introdutoria, da que se fixeron cargo o catedrático Fernando Obelleiro, e o director de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco. Foi unha presentación moi xeral na que se explicou que os traballos para a posta en marcha do sistema botaron a andar no ano 2015 co obxectivo inicial de reducir o cableado nos buques, un propósito que coa evolución do proxecto derivou no de proporcionar unha infraestrutura dixital, segura e intelixente, que dera soporte e cobertura integral a múltiples servizos e funcionalidades. 

Tal e como explicaron, o despregue do SSI lévase a cabo mediante nodos intelixentes distribuídos por todo o buque, reemprazando ás luminarias convencionais, a través dunha infraestrutura que se converte nunha especie de “sistema nervioso” do buque con aproximadamente 10.000 sensores distribuídos en todos os compartimentos e que permite desenvolver múltiples funcionalidades entre as que se inclúen: alumeado, tanto exterior como interior, e sinalización: comunicacións interiores, telefonía, ordes xerais e avisos sonoros; monitorización de persoal, recoñecemento facial e vixilancia biométrica; posicionamento de persoas e equipos, tanto interior como exterior; acceso sen fíos deste terminais móbiles e interfaz vocal con recoñecemento de linguaxe natural. “O sistema achega un nivel de conciencia situacional sin precedentes”, recalcou Blanco, facendo fincapé no “salto significativo” que supón este sistema, tanto nas operacións, como nas prestacións, dispoñibilidade, flexibilidade e incluso na forma de operar os buques, “ademais de habilitar tamén para o despregue de novos servizos”.

Tras a presentación introdutoria tivo lugar unha pequena demostración operativa funcional na que varios investigadores do equipo de Obelleiro exemplificaron o funcionamento do sistema, tanto en relación a iluminación, como localización, acceso sen fíos, entretemento… Tal e como explicaron son múltiples posibilidades que converten este sistema na plataforma ideal para o despregue do Xemelgo Dixital e para transformar os barcos en auténticas plataformas intelixentes ou buques 4.0, con capacidade de monitorización e control da súa tripulación  e elementos de seguridade, así como da súa contorna.

Un sistema único que se estreará nas fragatas F-110

O SSI é unha patente de Navantia e a UVigo e na actualidade non existe ningún sistema equivalente no mundo naval, “máxime nunha contorna electromagneticamente tan complexa como é un buque”, destacaron Bruno Seoane, enxeñeiro da UVigo e director técnico do proxecto, e Fernando Obelleiro, ao tempo que se referiron tamén á “resiliencia, facilidade de mantemento, ciberseguridade e privacidade”, como algunhas das principais fortalezas do sistema.
As novas fragatas F-110 que Navantia constrúe para a Armada española serán os primeiros buques nos que está previsto instalar o SSI, que formará parte, xunto co Xemelgo Dixital, da nova arquitectura dos buques dixitais.