DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aló Irmao ao vivo no Teatro Vidal Bolaño

Narf e Manecas Costas elixiron o campus para presentar en Vigo o seu novo disco

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 24/03/2010

“Unha viaxe que parte do que fomos, pasa polo que somos e nos leva cara ao que habemos de ser”, así define o galego Fran Pérez Narf, Aló Irmao, un disco no que se unen os talentos creativos de dous músicos con traxectorias moi distintas, pero complementarias, el mesmo e o africano Manecas Costas. Este mércores presentárono no campus ante unha nutrida presenza da comunidade universitaria que arroupou aos artistas cunha participación afervoada na que non faltaron numerosos silencios cómplices cando o intre así o requiría.
Gravado ao vivo no Teatro Principal de Compostela o pasado verán e tras unha estadía no Brasil chea de momentos emocionantes no musical e no persoal, segundo subliñaron no seu caderno de bitácora, Manecas Costas e Narf achegan co seu espectáculo unha visión diferente do continente africano con cancións novas compostas coa harmonía dos que queren entenderse e celebrar con alegría “a diferenza”.
Atopáronse en Cantos da Maré e así xurdiu este proxecto no que se unen dúas voces e dúas guitarras e no que o potente latido africano de Costas únese ao incansable espírito aventureiro de Narf e xuntos dan vida a unha música innovadora que, nunha soa voz, sitúa ao espectador entre dous universos culturais destinados a entenderse.

Mofa e Befa con Quico Cadaval, o 8 de abril

Foi a primeira vez que Aló Irmao visitou Vigo, agora coa chegada da Semana Santa a programación cultural descansará durante uns días. Despois a música deixará paso ao teatro e o 8 de abril o Vidal Bolaño acollerá o espectáculo Shakespeare para ignorantes de Mofa e Befa con Quico Cadaval. Será unha boa oportunidade para que o público poida extraer valiosos recursos que axuden a resolver os problemas da súa vida privada, laboral ou pública.