DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase a mostra 'Ensamlandet', da creadora Anna Katarina Martin e comisariada por Anxela Caramés

Alterarte convértese na 'terra de soidade' dunha muller sueca en España

A artista amosa en fotografías e sons a historia persoal e real da súa nai

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 31/01/2012

Para os artistas unha das fontes creativas máis habituais é o seu espazo íntimo e persoal. No caso de Anna Katarina Martin nese ámbito privado está a historia dunha nai sueca, Ulla Kruse, que se veu durante a época franquista para casar cun español e se atopou de fronte cunha sociedade patriarcal e machista na que ela non encaixaba. Partindo das súas fotografías e testemuño sonoro, Anna Katarina Martin amosa Sala Alterarte a soidade e incomprensión dunha estranxeira en terra hostil, que foi o caso de súa nai e doutras moitas mulleres dos anos sesenta e setenta.

A mostra, titulada Ensamlandet (Terra de soidade), foi inaugurada este martes por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; a artista Anna Katarina Martin e a comisaria Ánxela Caramés. Durante o acto, María Lameiras quixo salientar o valor da obra de Anna Katarina Martin como forma de entendemento de súa nai pero tamén “das mulleres que tiveron que reivindicar ao longo da historia o espazo público e tamén o espazo emocional nunha sociedade patriarcal”. Por este motivo, explicou Xosé Manuel Buxán, a exposición, que se enmarca dentro do proxecto Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas, estará aberta ata o vindeiro 23 de marzo, tendo en conta a celebración o 8 de marzo do Día da Muller.

Dous referentes, un real e outro ficticio

Segundo explicou a comisaria da exposición, a creadora partiu para a realización da súa obra de dous referentes, como son a historia persoal de súa nai e a incomprensión da personaxe interpretada por Ingrid Bergman en Stromboli. Terra di Dio, película dirixida por Roberto Rossellini e localizada nun pequeno pobo dunha illa italiana. “Anna indaga na súa historia persoal para falarnos dalgo máis xeral, do choque cultural entre a sociedade mediterránea e a sueca do anos sesenta e setenta”, apuntou Anxela Caramés.

A mostra consta da reprodución dun fragmento dunha carta da nai de Anna Katarina Martin á súa familia española nun castelán aínda moi básico, dunha entrevista sonora a Ulla Kruse e de diferentes fotografías. Nelas a artista intenta recrear a historia da súa nai, establecendo sutís paralelismos entre as situacións vividas por ela e as narradas audiovisualmente na obra de Bergman. Ademais, a artista transmútase en certo modo na súa nai, auténtica protagonista da exposición, ao expresarse coas súas verbas na tradución española do testemuño materno que foi gravado en sueco e tamén cando a substitúe fotograficamente na recreación dun momento familiar concreto, no mesmo lugar onde fora tomada a instantánea orixinal.

“Cando vin na casa da miña avoa as fotografías de miña nai comprendín que tiñan o seu propio discurso, máis próximo e persoal que o da película de Bergman”, explicou a creadora. Por este motivo escolleunas como centro da súa exposición. “A miña nai era a típica sueca fisicamente, fumaba, viaxa e traballaba. Por este motivo sufría a mirada de xuízo dos demais, era o paxaro exótico que era observado e que sentía a soidade da incomprensión e a incomunicación noutra cultura diferente”, destacou Martin. Contra esta situación e con esta exposición, a creadora salienta a súa reivindicación do feito de que “a modernidade entrou en España co turismo e con mulleres coma ela”.