DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte organiza unha xornada sobre as deportistas de elite o 9 de outubr

O alto rendemento deportivo tamén é cousa de mulleres

Entre as convidadas estará Theresa Zabell, vicepresidenta do COE e dobre medallista olímpica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 02/10/2012

Co obxectivo de reflexionar sobre o trato que reciben as deportistas da elite profesional, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o vindeiro 9 de outubro unhas xornadas sobre muller e alto rendemento, promovidas pola profesora Marián Fernández Vilariño. Este encontro, que celebra a súa primeira edición, pretende visibilizar ás mulleres deportistas de alto nivel “pois é necesario concienciar de que teñen unhas condicións específicas para logo poder deseñar plans de traballo adaptados a esas particularidades”, comenta a docente do centro pontevedrés que tamén denuncia unha ausencia de investigación sobre este tema “provocando que as mulleres adestren igual que os homes cando as súas naturezas física, anatómica, hormonal e biomecánica son tan diferentes”, engade.

Para a organización destas xornadas, a profesora Fernández Vilariño contou co apoio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo e do Instituto da Muller de España. Tanto as institucións como a propia coordinadora consideran necesarias este tipo de actividades “dada a invisibilidade da muller neste eido”, coa prioridade de dar a coñecer e identificar os procesos de adestramento e os axustes que se deben facer para respectar as características específicas das deportistas, así como difundir a investigación científica nesta materia “para poder programar e planificar plans de traballo nos que se teñan en conta as súas características”. En definitiva, coa realización desta actividade, a organización espera contribuír á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no deporte “fomentando o coñecemento e o respecto das diferenzas para o logro de dita igualdade”, engade a docente.

Unha xornada intensiva

O encontro, aberto á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, será inaugurado pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco; pola decana do centro, Francisca Fariña; pola presidenta do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, María José Martínez Patiño e por Theresa Zabell, vicepresidenta do Comité Olímpico Español, presidenta da Comisión Muller e Deporte do COE e dobre medallista olímpica, que tamén participará nas xornadas como conferenciante. Estará acompañada por Alberto García Bataller, profesor da Universidad Politécnica de Madrid e adestrador de natación e triatlón e por María Luisa Estriga, docente da Universidade do Porto.

15 anos de imaxes fotográficas

De xeito paralelo ás xornadas, os corredores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte tamén darán acubillo á exposición itinerante Siempre adelante, mujeres deportistas, promovida polo Instituto da Muller. Do 9 ao 19 de outubro, poderase facer un percorrido ao longo de 15 anos de historia do deporte feminino a través de imaxes fotográficas presentando a 40 mulleres deportistas de alto nivel de diferentes disciplinas: olímpicas, paralímpicas, xuízas, presidentas de federacións e comisións... “É como unha homenaxe ás mulleres e ás nenas que queren facer exercicio e actividade deportiva, sendo testemuñas actuais e futuras do principio de igualdade efectiva entre homes e mulleres”, subliña Fernández Vilariño.