DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse na cidade francesa de Nancy

A alumna Sofía Martínez acada podio en tres categorías do Campionato Europeo Universitario de Powerlifting

Tamén participou David Pereira, que conseguiu mellorar as súas marcas persoais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Igualdade
  • Premios
  • Deportes
DUVI Ourense 07/03/2024

A fin de semana, do 1 ao 3 de marzo, en Nancy, Francia, celebrouse o 2024 European Classic Powerlifting University Cup, o Campionato Europeo Universitario de Powerlifting. Nel, Sofía Martínez, egresada da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e actualmente alumna do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica, acadou podio en tres categorías. Pola súa banda, David Pereira, alumno de cuarto curso do Grao en Organización Industrial, da Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo, non entrou entre os tres primeiros pero si mellorar as súas marcas persoais.

Satisfacción polos resultados acadados

Concretamente, Sofía Martínez acadou unha segunda posición en sentadiña (con 135 kg) e en peso morto (con 162,5 kg) e un terceiro posto na categoría -57, cun total de 360 kg. “Empecei a adestrar powerlifting  fai pouco menos dun ano e este foi o meu segundo campionato internacional universitario. A pesar de que os nervios xogáronme unha mala pasada, estou moi satisfeita cos resultados obtidos”, comenta a estudante da UVigo. A participación en Francia, sinala, foi “unha experiencia marabillosa a nivel deportivo e persoal”, destacando entre as experiencias vividas “loitar pola segunda posición do total no terceiro intento de peso morto, con 177,5 kg en barra, que aínda que non saíse, foi sen dúbida o máis divertido da competición”.

Sobre a compatibilización da vida académica e deportiva, Sofía Martínez subliña que “o deporte e os estudos teñen algo en común: a disciplina. Aínda que ás veces haxa épocas máis duras, ao final todo radica na organización e nas gañas”. Coa súa participación neste tipo de competicións, a estudante amosa o seu desexo tamén de poder contribuír a visibilizar a muller neste tipo de deportes e axudar “a tombar un pouco os estereotipos de xénero, sobre todo no deporte feminino de forza, no que aínda queda moito por percorrer e temos que lidar con moitos sexismos respecto ao aspecto físico ou incluso á calidade deportiva”.

Tamén participou neste Campionato Europeo Universitario de Powerlifting 2024 o alumno da UVigo David Pereira, que levantou en sentadiña 205 kg, en press banca 127,5 kg e en peso morto 260 kg (categoría -93). “A pesar de que non foi a miña mellor competición, mellorei as miñas marcas e foi unha experiencia incrible. Este é o terceiro ano que compito neste deporte e o primeiro a nivel internacional”, comenta. Ao igual que Sofía Martínez, el combina a vida académica e deportiva, salientando que “á hora de compatibilizar deporte e estudos, se te organizas ben dáche tempo para facer todo, pero tes que aproveitar o tempo para dedicarllo a estas dúas cousas e cumprir os teus obxectivos”, afirma, salientando que no seu caso “sempre me motivou superarme no ximnasio e ir subindo pesos nos exercicios”.