DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha rede de voluntariado dispoñible con só premer un botón

Alumnado do campus deseña unha aplicación Android para atender a maiores e dependentes do rural

O envellecemento da poboación e a súa distribución xeográfica xustifican a utilidade desta ferrament

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 06/05/2013
Un smartphone con conexión a internet e un pequeno grupo de voluntarios e voluntarias sería dabondo para localizar e axudar ás persoas maiores que o precisasen nas zonas rurais de Galicia. Con ese obxectivo nace, da man dos alumnos do 2º curso do Grao en Dirección e Xestión Pública, a ferramenta beta para Android @AppDuls. Unha aplicación orientada a resolver os problemas de teleasistencia a maiores que viven en zonas afastadas aproveitando todas as facilidades e vantaxes que ofrecen os teléfonos intelixentes.

O profesor Enrique Varela, titor deste proxecto, xustifica a necesidade de pór en marcha iniciativas coma esta “ao tratarse dunha necesidade social e termos a man a tecnoloxía e os coñecementos necesarios para levalas a cabo”. A través dun estudo previo, o alumnado concluíu que o envellecemento paulatino da poboación galega e a súa distribución xeográfica, unido a unha situación económica desfavorable fai necesario deseñar programas específicos para garantir unha atención sociosanitaria básica en todo o país. “Puidemos demostrar que para desenvolver tecnoloxías aptas para a vida cotiá non son necesarios grandes coñecementos tecnolóxicos, si lóxicos e de estratexia sobre a contorna e o actores dunha política pública como é a sociosanitaria”, asegura o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Un nicho de mercado

Unha “pequena revolución”, así presentan profesor e alumnado, a súa aplicación beta para smartphones. En equipo, “deseñamos e creamos esta ferramenta dende a teoría, comprometéndonos coa contorna social e territorial”, aseguran os alumnos e alumnas. “Se estivésemos na universidade privada ou nos moveramos no eido científico-tecnolóxico este proxecto estaría xa nunha incubadora de empresas pero no eido das ciencias sociais aínda queda moito por facer”, comenta Varela. “Estamos no Grao de Dirección e Xestión Pública e nun eido de coñecemento que acostuma a ser pouco ou mal valorado, en detrimento das empresas privadas que realizan a prestación de servizos públicos a través de procesos de externalización”, conclúe. Iniciativas de voluntariado relacionadas coas ferramentas que proporcionan as Tecnoloxías da Comunicación e Información (TICs) serían ben recibidas en Galicia e terían cabida no seu mercado a curto prazo.

Axuda a domicilio

Baixo o lema Si se pode o alumnado da materia Xestión pública e organización de servizos públicos deseñou e creou a aplicación @AppDuls a partires dunha plataforma aberta e gratuíta do MIT para Android. O único requisito técnico para que esta funcione é dispoñer dun teléfono intelixente con conexión en internet. No momento no que a persoa precisase axuda, debería tocar na icona da ferramenta dende o seu smartphone e, nun intre, unha rede de voluntarios e voluntarias localizaríaa e acudiría na súa axuda. Como complemento á creación desta ferramenta, o alumnado deseñou e implementou unha estratexia de comunicación para medios convencionais e tamén para as redes sociais centrándose, neste último caso, en Facebook e Twitter. Tamén simularon unha rolda de prensa na aula, elaboraron un titorial para You Tube e unha presentación en formato Prezi.com para os medios e os posibles usuarios potenciais desta aplicación.