DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio co colectivo Juventud Activa Saharauí 

O alumnado de CCSS e da Comunicación achégase ao conflito do Sáhara Occidental

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/11/2022

Dar a coñecer entre o alumnado tanto as orixes como a situación actual do conflito saharauí foi o obxectivo do coloquio impartido este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación por Souadou Mohamed Fadel, integrante do colectivo Juventud Activa Saharauí. Inserido nas actividades dunha materia de comunicación política, este coloquio tivo por obxecto “dar a coñecer un conflito que é moi descoñecido”, ao igual “que a guerra que hai actualmente no Sáhara occidental”, como sinalou Fadel, que estivo acompañada nesta actividade pola presidenta da comunidade saharauí en Galicia, Khadiketou Ahmedou.

“A pesar de ser historia recente e de ter sido colonia española, a situación do Sáhara occidental descoñécese bastante”, recoñeceu Ahmedou, que centrou en primeiro termo a súa intervención nos antecedentes históricos do conflito, para logo deterse na situación actual. Neste punto, a conferenciante subliñou que no Sáhara occidental “hai unha guerra desde 2020”, á vez que lamentou o apoio do Goberno de España á proposta de autonomía formulada por Marrocos. “Foi como un segundo abandono. Abandonáronnos no 1975 e agora por segunda vez, porque xa non é que teñan unha postura neutra, senón que se posicionan a favor de Marrocos”, salientou a conferenciante, para quen corresponde ao estado español o labor "de descolonizar o Sáhara occidental". Ademais de para achegar o alumnado á situación destes territorios, este coloquio serviu tamén para dar a coñecer o labor de Juventud Activda Saharauí no conxunto de España e de Comunidade Saharauí en Galicia, centrado en “dar visibilidade” a esta situación, explicou.