DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor asinou o convenio que rexe a participación dun grupo de estudantes no ‘Proyecto Mañana’ do

Alumnado de CCSS e da Comunicación estudará como potenciar a difusión de Atresmedia en redes sociais

Trátase da primeira vez na que unha universidade galega participa nesta iniciativa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 12/02/2015

Propor melloras e novas ideas que poidan servir ao grupo audiovisual Atresmedia para potenciar a súa comunicación a través das redes sociais. Ese é o propósito que rexerá o traballo que ao longo dos próximos meses desenvolverá un grupo de seis alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, baixo a coordinación do profesor Alberto Dafonte, no marco do Proyecto Mañana deste grupo audiovisual. Con esta iniciativa, a compañía busca “preguntar á xente nova que farían eles se estiveran no lugar” dos directivos e directivas do grupo. Así llo explicou o presidente de Atresmedia Cine, Mikel Lejarza, que este xoves reuniuse cos participantes nunha iniciativa na que, por primeira vez, está representada unha universidade galega, grazas ao convenio asinado nesta xornada polo reitor, Salustiano Mato, que amosou o seu desexo de que esta iniciativa sexa “unha primeira aproximación, un comezo para os moitos proxectos que podemos facer xuntos”.

Segundo explicou a decana do centro, Emma Torres, foi o propio grupo audiovisual o que seleccionou á facultade para tomar parte na quinta edición deste proxecto docente de innovación, ao que tamén concorren as universidades de Málaga e Navarra, a Pompeu Fabra de Barcelona e a Juan Carlos I de Madrid. “Para nós, é unha grande oportunidade, que sigue na liña que vimos mantendo de fomentar un traballo directo coas empresas e co sector, para que o alumnado teña unha experiencia global, académica e profesional, na súa formación”, salientou Torres, que xunto a Mato e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, intercambiou impresións con Lejarza ao remate dunha xuntanza dirixida a dar a coñecer os detalles do proxecto aos integrantes do grupo de traballo.

O caso concreto de dous programas

As alumnas de Publicidade e Relacións Públicas Jennifer Álvarez, Susana Basoa e Zoe Calvo e os estudantes de Comunicación Audiovisual Sara Varela, Miguel Grandío e Bernabé Carrillo integran o equipo que, co apoio dos profesores Alberto Dafonte, Silvia García Mirón e Xabier Rolán, representará á Universidade neste Proyecto Mañana. Ao igual que ao resto de participantes, corresponderalles analizar a comunicación que a través das redes sociais realizan un programa de televisión e outro de radio do grupo para, a partires de aí, deseñar un proxecto que a finais de xuño ou comezos de xullo presentarán diante do equipo directivo do grupo na súa sede central, en San Sebastián de los Reyes. No seu caso, corresponderalles estudar El Intermedio, de La Sexta, e Radioestadio, de Onda Cero, que lles servirán como casos concretos cos que afondar no impacto das redes sociais na difusión dos contidos audiovisuais. Segundo se recolle no convenio asinado nesta xornada, o grupo premiará aos dous equipos que presenten os proxectos que consideren máis innovadores con cinco bolsas trimestrais para realizar practicas na súa área multimedia.

Que pensan as novas xeracións nestes tempos de cambio?

Co obxecto de que “non perder contacto coa realidade”, Atresmedia decidiu hai cinco anos “preguntar á xente nova que se está formando para o día de mañá ocupar postos de responsabilidade, que é o que farían eles” e foi así como naceu o Proyecto Mañana, para o que cada edición os responsables do grupo elixen “un tema concreto, que fundamentalmente vén sacado de algo que nos preocupa”, como apuntou Lejarza nesta xuntanza. Neste senso, para 2015 optaron por “vincular un pouco ás redes sociais cos contidos que estamos facendo, xa que cremos que están cambiando drasticamente o modo de comunicar”. Partindo desa idea, elixiron unha serie de programas concretos “para ver que se lles ocorre aos alumnos”, co propósito de “reunir ideas que poidan ser valiosas para o grupo” e que permitan mellorar “non só o uso das redes sociais, senón a nosa comunicación”, apuntou o directivo de Atresmedia.

Neste senso, Lejarza puxo o acento na “crise de modelo absoluto” que está a vivir a comunicación coa eclosión das redes sociais. “As novas xeracións non se informan polos métodos e medios tradicionais, como o periódico, a radio ou os informativos de televisión, senón que existen novas canles de información e participación”, destacou o presidente de Atresmedia Cine.

Un traballo previo de documentación

Aínda que a concreción dos proxectos de mellora é algo no que este grupo de estudantes traballará nos próximos meses, despois ser seleccionados iniciaron xa un traballo previo de “recompilación de información” co obxectivo de “coñecer a fondo os produtos para que as propostas que fagamos estean ben argumentadas”, relata Alberto Dafonte. Neste senso, o docente incide en que “son os alumnos os que levan a cabo todo este traballo”, que iniciaron dividíndose en grupos para “monitorizar as redes sociais dos programas analizados” co apoio de Xabier Rolán, analizar en profundidade os programas escollidos baixo a supervisión de Silvia García Mirón, e “buscar referentes, boas prácticas que poidan ser interesantes”. Deste xeito, o grupo conta xa cunha base previa coa que, a partir de agora, “calibrar cales das ideas que se xeren poden ser adecuadas para cada programa”, como sinala o seu coordinador.