DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de innovación educativa, centrado na Axenda 2030

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte achégase ás conexións entre ciencia e arte creando un rexistro botánico

Nun taller no que traballaron con monotipia e especies vexetais presentes no campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/11/2023

Amosar ao alumnado como integrar diferentes disciplinas, desde as matemáticas ás artes, na didáctica das ciencias experimentais é un dos obxectivos dun proxecto de innovación educativa, que este martes achegou o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ao uso da técnica da monotipia para a creación dun rexistro botánico. Fixérono no obradoiro Laboratorio de arte e natureza, impartido pola historiadora da arte e responsable do proxecto Arte y Garabato, Cristina González Larriba, no que o alumnado experimentou o proceso de creación de estampas a partir dunha serie de follas de diferentes especies de árbores presentes no campus.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade para este 2023, coa profesora Mercedes Varela como investigadora principal, o proxecto no que se insire este obradoiro ten como obxectivo promover, explica, “un achegamento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, a través de iniciativas que permitan aproximarse a unha “realidade desde diferentes disciplinas”. Nese senso, o taller desta xornada insírese no traballo que o alumnado da materia Didácticas das ciencias experimentais, do Grao en Educación Primaria, vén realizando “coa natureza, o modelo ser vivo e o coñecemento da contorna” como eixes temáticos. No marco desta iniciativa, na que terán que desenvolver uns "cadernos de campo nos que estudamos as diferentes especies do campus" e de recoller as diferentes fases de traballo nunha serie de paneis, o alumnado puido iniciarse na creación dun rexistro botánico a través da monotipia, ademais de achegarse ao traballo do fotógrafo Karl Blossfeldt. “A idea é que aprendan recursos que logo poidan levar a aula, intentando unir arte e ciencia”, subliña Varela.

Con ese mesmo propósito, o proxecto Innovación STEAM no marco da Axenda 2030: experiencias e recursos para favorecer a aprendizaxe interdisciplinar, no que participan docentes de diferentes áreas, busca tamén que esta adquisición de competencias vinculadas ás diferentes materias da área de ciencias experimentais se conecten á súa vez á "competencias relacionadas con problemáticas socioambientais”. De feito, outra das iniciativas levadas a cabo no marco deste proxecto tivo como obxectivo que o alumnado da materia Educación ambiental para o desenvolvemento afondase “en como os nosos hábitos de consumo, sobre todo relacionados co téxtil, afectan ao cambio climático”, como explica a responsable deste proxecto.