DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo, no que contan coa colaboración da ONG Ecos do Sur

O alumnado de Comunicación Audiovisual elabora vídeos cos que amosar á cidadanía como identificar e combater a desinformación

Elaboraron unha serie de pezas breves que superan ás 72.000 visualizacións en redes sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/12/2023

Aínda que en moitas ocasións poida asociarse unicamente coas fake news, a problemática da desinformación abrangue tamén a distribución a través das redes sociais e aplicacións de mensaxería doutra serie de contidos, desde os totalmente inventados a aqueles que, cunha determinada intencionalidade, presentan unha realidade nesgada, pasando por intentos de suplantar a identidade dunha persoa ou institución ou a manipulación de vídeos ou fotografías. Dar a coñecer os diferentes tipos de desinformación existentes e as ferramentas que a cidadanía ten ao seu alcance para verificar a información é o propósito dos diferentes vídeos que, ao longo deste cuadrimestre, o alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual difunde a través das redes sociais. 

Divididos en oito de grupos, preto de 45 estudantes realizan esta serie de breves pezas audiovisuais no marco do proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática, unha iniciativa de aprendizaxe-servizo (ApS) coordinada polo profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte. Seleccionado na convocatoria de innovación educativa en aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, trátase da quinta edición dun proxecto que conta, un ano máis, coa colaboración da ONG Ecos do Sur. 

Fundada en 1991 e centrada na loita contra as desigualdades, Ecos do Sur traballa desde 2016 na prevención e abordaxe da desinformación e o discurso do odio en internet, a través da súa liña CibeRespect, unha iniciativa que recibiu o Premio á Innovación Social da Fundación La Caixa e o premio ás boas prácticas do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Nesta liña de traballo insírense as sesións formativas que o equipo de comunicación desta ONG galega impartiu, de xeito virtual, aos e ás participantes neste ApS. No seu proxecto CibeRespect LINK, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Ecos do Sur, explican, “colabora con centros de coñecemento coma a Universidade de Vigo para apoiar a incorporación de novas temáticas no eido da comunicación na contorna educativa”. 

Publicacións semanais

Se ben nas edicións anteriores, o proxecto levouse a cabo con alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, nesta ocasión insírese nas actividades da materia Propaganda en medios audiovisuais, incorporando unha serie de cambios para “afondar en certos conceptos relativos á desinformación e como loitar contra ela, directamente relacionados cos contidos da materia”, como explica Dafonte. Así, se en anteriores edicións os vídeos do alumnado permitiron abordar certos mitos ou boatos -informacións sen contrastar- relacionados con temáticas ou colectivos concretos, nesta edición o proxecto busca pór o foco na propia problemática da desinformación.

De feito, o primeiro dos dez vídeos que o alumnado debía realizar tiña que centrarse en ofrecer unha definición desta problemática. A partir de aí, o proxecto abrangueu a publicación semanal doutros nove vídeos, centrados en “dous grandes bloques de contidos”; os diferentes tipos de desinformación existentes e as ferramentas que existen para combatela. Co obxectivo de contribuír, como explica Dafonte, “á alfabetización mediática” da cidadanía, os diferentes grupos crearon perfís en redes sociais, aos que foron incorporando cada semana os seus traballos e que actuamente acumulan no seu conxunto máis de 72.000 visualizacións. 

Un vídeo supera as 40.000 visualizacións

Mais da metade delas concéntranse nunha peza realizada polo grupo Informales en TikTok, que acumula máis de 42.000 visualizacións. Trátase dun vídeo no que explican o que supón un “contexto falso”, o uso de imaxes reais acompañadas dunha información contextual falsa. Fano a partir dun exemplo concreto, un vídeo recentemente difundido a través das redes sociais e que se presentaba como imaxes dunha voda entre un home musulmán e unha nena de dez anos, cando en realidade, como explican os estudantes, tratábase do vídeo dun pai italiano facéndolle un regalo a súa filla. Este vídeo acadou tamén máis de 3500 gústame e preto de 400 comentarios, que permitiron ao grupo analizar en outras problemáticas relacionadas coa desinformación, como o nesgo de confirmación, en vídeos posteriores.