DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa do grupo ComTecArt, baseada no drama policial ‘Atrapada’  

Alumnado de Comunicación Audiovisual e Enxeñaría de Telecomunicación deseña un videoxogo inspirado nunha serie mexicana

Ao longo do cuadrimestre deben desenvolver unha fase do xogo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/10/2023

Co obxectivo de achegar o alumnado aos procesos de traballo na industria do videoxogo, o grupo de innovación docente ComTecArt promove desde o ano 2017 unha experiencia na que estudantes da Facultade de Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación traballan conxuntamente no deseño e desenvolvemento da primeira fase dun videoxogo, no marco da súa formación en diferentes materias. Despois de que nas anteriores edicións esta iniciativa tivese como punto de partida diferentes obras de autores e autoras galegos, nesta ocasión o proxecto de videoxogo no que traballa o alumnado ten como punto de partida un capítulo da serie mexicana Atrapada. Tratase dun drama policial que tivo entre os seus guionistas a Daniel Govantes, quen este mércores coñecía por videoconferencia o concepto de xogo no que traballan os oito alumnos e alumnas que participan nesta actividade.

“Queríamos experimentar cun produto de televisión”, sinala a profesora Beatriz Legerén respecto da proposta escollida para levar a cabo unha experiencia de innovación docente na que traballan conxuntamente, en sesións semanais que se desenvolven de xeito virtual a través de Campus Remoto, estudantes dos graos en Comunicación Audiovisual e en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Coa idea de explorar as posiblidades dunha “narrativa transmedia” contouse coa participación do guionista e profesor universitario Daniel Govantes, que forma parte do grupo de investigación V-NTC (Videoxogos, Narrativa, Persuasión e Creatividade), que coordina esta profesora da Facultade de Comunicación. “Especialista en narrativa e visual storytelling orientado a videoxogos”, destaca Legerén, Govantes cedeu para o proxecto a escaleta dun dos guións que realizou para Atrapada, unha serie protagonizada por unha muller nova que se converte en ladroa para recuperar á súa familia. “Trátase dunha serie que non se emitiu en España, polo que a idea era que lendo isto, extraesen material para facer un xogo”, explica Legerén.

Un xogo de sixilo e aventura

Tras semanas de traballo, o alumnado participante na iniciativa que, xunto a Legerén, levan a cabo os profesores Antonio Pena, Enrique Costa e Luis Fernández, presentou nesta xornada a súa proposta de videoxogo a Govantes. Trátase, como explicaron, de Miau Light, “un xogo de sixilo e aventura”, que ten como protagonista unha nena “que se ve envolta nunha grande explosión causada polo enfrontamento entre dous carteis mexicanos”, tras a que se atopa nun “mundo escuro” no que vai sendo guiada “por un misterioso gato”. 

O obxectivo deste encontro era coñecer a visión de Govantes, que é tamén director dun mestrado de guión, respecto do proxecto que deberán desenvolver ao longo do cuadrimestre. Aínda que traballan nun único equipo, o alumnado de Comunicación Audiovisual encargase “do guión do xogo e da xestión do proxecto”, como explica Legerén, mentres que o da EE de Telecomunicación “céntrase na parte máis técnica”. O resultado final será un primeiro nivel ou unha demo do xogo, que en decembro pesentarán tanto aos docentes responsables desta iniciativa como a profesionais da industria, así como a través da canle de Twitch de ComTecArt.