DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro puxo en marcha este curso a materia ‘Proxecto Colaborativo’

O alumnado da EE de Minas e Enerxía estréase no mundo da investigación

Esta semana presentaron os traballos desenvoltos centrados nos desafíos enerxéticos actuais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 19/01/2024

Tras catro meses de traballo, un grupo de estudantes de último curso dos graos en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e en Enxeñaría da Enerxía presentaron esta semana os seus primeiros traballos como investigadores. Fixérono no marco da materia Proxecto Colaborativo, unha proposta académica que busca achegar o alumnado que está a piques de rematar a súa formación ao mundo da investigación a través da realización de proxectos colaborativos en grupos sobre diversas temáticas que lles permitan poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Aínda que esta é unha iniciativa que xa se desenvolve en centros como a EE de Telecomunicación dende hai anos, a EE de Minas e Enerxía incluíuna este curso por primeira vez no seu plan de estudos, polo que estes son os primeiros estudantes en presentar os seus proxectos. Fixérono nunha xornada na que, ademais de expoñer os traballos ante un tribunal académico, tamén o fixeron ante o  estudantado e profesorado de STEMBach do CPR Miralba de Vigo e ante os membros da comunidade universitaria. Neste sentido, dende a escola fan fincapé na importancia de divulgar os resultados dos proxectos a outros colectivos relevantes da sociedade, “polo que a presenza de alumnado e profesorado de bacharelato facilitou o adestramento das futuras e futuros enxeñeiros na comunicación dos avances do seu traballo a audiencias con diversas bagaxes culturais”.

Tres proxectos sobre desafíos enerxéticos

Francisco Javier Deive é un dos docentes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía que coordina esta materia, xunto con Ana María Rodríguez, e explica que “a aposta da escola por favorecer a aprendizaxe colaborativa plasmouse na modificación do plan de estudos dos graos en Enxeñería dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e en Enxeñería da Enerxía, de modo que especificamente se incluíu unha materia fundamentada nesta metodoloxía de aprendizaxe”. Deste xeito, profesorado de diferentes departamentos do centro “camiñaron xuntamente en cada proxecto para guiar o alumnado durante as diferentes etapas de traballo, facendo un seguimento semanal e mensual dos avances”.

En total participaron nesta primeira edición dez estudantes que presentaron tres proxectos centrados nos “diferentes desafíos actuais do sector enerxético”. Así, os alumnos Pablo Alonso González, Xandre Costas Pérez e Marcos Estévez González encargáronse de desenvolver un proxecto sobre o uso de novos disolventes biocompatibles para a captura de CO2 baixo a supervisión dos profesores Francisco Javier Deive Herva, do Departamento de Enxeñería Química, e David Patiño Vilas, do Departamento de Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos. Por outra banda, o grupo formado por Ana Portas Vasco, Javier Dopico Alfonsín, Martín Brianes Bóveda e Juan Comesaña Cabral traballaron nunha proposta sobre a agroenerxía sostible, cun enfoque integrado con biodixestores, enerxía solar e xestión eficiente da auga nunha granxa. Contaron coa titorización dos profesores Antonio Fernández Otero e Alejandro Molares Rodríguez, dos departamentos de Enxeñería Eléctrica e Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, respectivamente. Por último, Iago Villarino García, Carla Otero García e Diego Costas Moyano deseñaron un sistema de detección de ondas de choque/ondada utilizando Arduino, Raspberry ou outro tipo de nanocomputadores, un proxecto supervisado polos profesores Miguel Ramón González Castro e Manuel Pérez Cota, ambos do Departamento de Informática, e Ramiro Alberto Varela Benvenuto, do Departamento de Física Aplicada. 

Obradoiros para o alumnado do STEMBach

Ademais de asistir á presentación dos proxectos, o alumnado do STEMBach do CPR Miralba de Vigo tamén tivo a oportunidade de participar en obradoiros de Intelixencia Artificial e Combustión, impartidos polos investigadores Moisés Cordeiro e José Domingo Moya, respectivamente.