DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes acudiron á presentación dunha nova edición do xogo Beertual Challenge

O alumnado de Empresariais e Turismo tamén quere xogar a crear a mellor cervexeira

Universitarios arxentinos, mexicanos e españois competirán por crear o mellor proxecto de negocio ne

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 19/10/2011
Co aliciente de lanzarse a competir internacionalmente con outros universitarios, o alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense asistiu este martes a unha conferencia diferente. Andrés Olivera, director de Recursos Humanos para Europa de Grupo Modelo, acudiu a presentarlles o xogo de negocios Beertual Challenge e a animalos a competir con universitarios españois, arxentinos e mexicanos para crear a través desta iniciativa o mellor proxecto de empresa cervexeira internacional. O ano pasado competiron arredor de 2600 estudantes, entre eles un grupo ourensán que chegou á final en México. Un éxito que este ano agardan repetir ou incluso mellorar.

En Beertual Challenge poden participar, en grupos de tres persoas, alumnado dos dous últimos cursos grao, licenciatura, último ano de diplomatura, mestrado e novos titulados. Segundo explicou Andrés Oliveira, o xogo desenvólvese en tres fases. Na primeira, durante seis semanas os participantes xestionan de xeito simulado a súa empresa en todos os eidos, desde o marketing e os recursos humanos ata as ventas e as contas. Segundo a cotización en bolsa que acaden nesta simulación, os mellores clasificados pasarán a un segundo nivel no que terán que facer un plan de internacionalización da súa empresa. Os equipos que obteñan a mellor valoración deste plan pasarán á gran final que terá lugar en México e onde os xogadores terán que defender ante o comité de dirección do Grupo Modelo o seu proxecto empresarial internacional.

“Trátase dun proxecto especialmente interesante e complementario para os universitarios, porque lles permite levar á práctica, aínda que sexa nun contexto simulado, os coñecementos que adquiren na universidade. Os participantes asumen o rol de directores xerais e toman decisións en todas as áreas estratéxicas da súa empresa”, destacou o director de Recursos Humanos para Europa de Grupo Modelo. Ademais deste interese formativo e a motivación de competir, Andrés Olivera salientou que o xogo ten premios que van desde a realización dun MBA internacional ata viaxes por Asia, Europa e Canadá onde os gañadores realizan diferentes visitas a axentes empresariais e institucionais de cada zona.

En edicións anteriores deste xogo, que se enmarca dentro da política de Responsabilidade Social Coporativa do Grupo Modelo, varios grupos de alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense chegaron ás semifinais e á final. En concreto, un grupo de rapaces viaxou a México, con todos os gastos pagos, para xogar a gran final e presentar e defender o seu plano de negocios ante os directivos do Grupo Modelo. Unha experiencia moi satisfactoria para os xogadores que quizais este ano poidan repetir algúns dos seus compañeiros de centro.