DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola viguesa acolle o Congreso anual do Consejo Estatal de Estudiantes desta titulación

Alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación demanda a creación dun “bacharelato tecnolóxico real”

O encontro, con 38 congresistas de 16 universidades, volveu a cidade na que naceu hai xa 30 anos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • TIC
  • Estudantes
DUVI 10/09/2018

O campus de Vigo acolleu hai agora trinta anos a primeira xuntanza anual de estudantes de telecomunicación. Daquela apenas había tres ou catro centros impartindo estes estudos en España, hoxe son máis de vinte e os seus e súas representantes volven reunirse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo para tratar os principais asuntos que afectan ao futuro da titulación e tamén ao seu propio futuro profesional. O encontro arrancou hoxe luns e prolongarase ata o vindeiro sábado, por diante quedan seis días nos que falar e debater sobre a creación dun bacharelato tecnolóxico real, unha das súas principais demandas; mobilidade internacional, implantación de actividades transversais nos plans de estudo e temas máis relevantes a negociar cos partidos políticos de cara ás vindeiras convocatorias electorais.

Na apertura do encontro, celebrada no salón de actos da escola, reuníronse o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; o director da escola, Íñigo Cuiñas; a presidenta do Consejo Estatal de Estudiantes de Telecomunicación, Mónica Ortega, e o presidente do comité organizador, Alfredo García, membro da Delegación de Alumnado da escola e cabeza visible dun equipo do que tamén formaron parte os estudantes Óscar Moldes, Adrián Neira, Manuel Porta, Antía Fandiño, Eduardo Rodríguez, Jaime González, Samuel Novoa e Jorge Rodríguez. “Estes seis días nos que imos estar reunidos aquí en Vigo son só o cumio de doce meses de traballo”, explicou García, ao tempo que agradeceu a participación no encontro de 38 congresistas procedentes de 16 universidades de diferentes partes do territorio nacional.

Un foro que serve de ponte entre alumnado, empresas e colexios profesionais
“Tal e como se reflicte na temática elixida, o futuro das telecomunicacións, este congreso constitúese como un espazo para a análise e o debate do voso futuro”, recalcoulles a vicerreitora, que fixo tamén fincapé na importancia de contar coas empresas, os colexios profesionais e os e as enxeñeiras inmersas xa no mundo laboral. “As conclusións que quitedes estes días deben contribuír a que desde as universidades vos ofrezamos unha formación tanto de grao como de posgrao integral e de calidade e que vós participedes na toma de decisións para alcanzar ese obxectivo”.

Mónica Ortega, presidenta do CEET: “Chegamos aquí cheos de ilusión”

“Chegamos aquí cheos de ilusión, dispostos a pórlle moita paixón a todos cantos temas tratemos”, explicou Mónica Ortega, procedente de Alacante e actual presidenta do consello, que insistiu en que todas as decisións que se tomen na xuntanza “serán as que defendamos a capa e espada”. Ao seu carón o director da escola, Íñigo Cuiñas, insistiu en que desde a asociación de directores de escolas de enxeñaría de telecomunicación, “sempre se teñen moi en conta os plans de futuro que facedes desde a asociación”. Mentres, pola súa banda, o alcalde recalcou o importante papel que cumpren na sociedade os profesionais das tecnoloxías da telecomunicación. “Vós sodes os grandes revolucionadores do mundo e nas vosas mans está o desenvolvemento das telecomunicación no país”, recalcoulles.

1988-2018, 30 anos de despegue de tecnoloxías de telecomunicación

Ata a apertura do congreso achegouse tamén Manuel Fernández Iglesias, profesor da escola e un dos alumnos que participara naquela primeira xuntanza celebrada en Vigo no 1988. “Hoxe é para min un día de moitas lembranzas e recordos, pero tamén de alegría. Naquel momento eramos moi pouquiños e non sabiamos que ía pasar con este tipo de estudos, hoxe son máis de vinte escolas e a enxeñaría de telecomunicación acadou o seu lugar na sociedade”, recalcou o docente. Tamén a ese momento se referiu o actual director da escola, quen lembrou que “aqueles estudantes, entre os que está o noso compañeiro Manuel, ocupan hoxe diferentes cargos de responsabilidade e para nós, como escola, é un orgullo volver xuntarnos aquí falando doutros temas pero co mesmo cariño e entusiasmo que os vosos compañeiros de hai 30 anos”.