DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 20 ao 23 de marzo nas escolas de enxeñaría do campus

O alumnado das enxeñarías rebélase á crise coa XII edición do Foro Tecnolóxico do Emprego

Os organizadores insisten en que moitas empresas deste sector están abertas a novas contratacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/03/2012
A vindeira semana celebrarase en Vigo unha nova edición do Foro Tecnolóxico do Emprego, unha cita que alcanza xa a súa decimo segunda edición e que, inevitablemente, estará marcada pola crise económica actual que provocou un descenso no número de empresas que acoden a un encontro que ten como principal obxectivo achegar o mundo laboral aos estudantes dos últimos cursos e recén titulados das enxeñarías de Telecomunicación, Industrial e Minas.

Pese a todo, tal como subliña o coordinador xeral do encontro, o estudante Pablo A. Sánchez, “o sector tecnolóxico é un dos menos afectados pola crise laboral e segue habendo moitas empresas que aínda están abertas a novas contratacións”. As cifras demóstrano e seguen sendo preto de 20 as firmas que colaboran co foro, ben asistindo ao encontro ben patrocinándoo. “Pese a ser unha cifra inferior a anos anteriores, da man dos representantes destas empresas poderemos coñecer a realidade do panorama técnico e empresarial actual”, salienta Sánchez, que subliña como unha das principais novidades desta edición a mesa redonda Presente e futuro dos vehículos eléctricos, na que participarán representantes de Proeco, Little Cars e BlueMovility.

R, Repsol, Altia... no campus

Ademais de permitirlle ao alumnado achegarse ás principais empresas do sector e tratar temas de actualidade, o foro supón a posibilidade de participar tamén nunha ampla oferta de workshops e dinámicas de grupo, actividades que “nos permitirán aprender técnicas para enfrontarnos a procesos de selección, desenvolver as habilidades de traballo en grupo e descubrir o que se debe e non se debe facer á hora de redactar correctamente un currículo”, engade o coordinador.

Ademais desta axenda de actividades, as persoas que visiten o recibidor da Escola de Enxeñaría de Minas poderán achegarse aos postos das empresas participantes, onde poderán coñecer de primeira man as aptitudes que buscan naqueles enxeñeiros que queiran formar parte do seu cadro de persoal.

Aínda que a inauguración será o mércores a mediodía, o encontro iniciarase o martes pola mañá cunha serie de charlas nas que o alumnado poderá coñecer de preto os servizos que a Universidade pon ao seu dispor tanto á hora de buscar emprego como de pór en marcha a súa propia iniciativa empresarial. Será o entrante dun encontro que durará ata o venres e polo que pasarán representantes de empresas como R, Altia, Norvento, Igalia, BlueMovility, Repsol, Tecnocom... e mesmo a Fundación Pedro Barrié de la Maza ou as Forzas Armadas.