DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro “absolutamente práctico”

Alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública dáse a coñecer entre os seos futuros empregadores

A actividade presentouse este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 18/02/2013
Aproximar aos asistentes ao funcionamento real e cotiá do despacho dunha xestoría administrativa e introducilos ao manexo das ferramentas de xestión máis usuais. Este é o obxectivo co que chega á súa cuarta edición o obradoiro Coñece e dáte a coñecer aos teus empregadores!, unha iniciativa coa que achegar ao alumnado do 4º curso do Grao en Dirección e Xestión Pública e do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional “unha formación absolutamente práctica”, tal e como subliña o profesor Celso Cancela, coordinador das xornadas xunto ao profesor Xosé Mª Mahou.

A actividade iníciase este mesmo luns no seminario 4 de Ciencias Sociais e da Comunicación, facultade na que este mediodía tivo lugar unha xornada de presentación á que asistiu a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco; o decano do centro, Juan Manuel Corbacho e o delegado en Pontevedra do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, José Ramón Carril Pan que este ano se une á organización do obradoiro, xunto á empresa SIGA 98, dedicada aos servizos informáticos de xestores administrativos.

“Precisamente, grazas á colaboración co colexio oficial e a empresa SIGA 98, podemos ofrecerlle ás nosas alumnas e alumnos un curso totalmente práctico e orientado ás demandas específicas dos empregadores”, subliñou o profesor Celso Cancela, ao tempo que fixo fincapé en que o obradoiro está orientado á realización das tarefas diarias que se desenvolven nunha xestoría administrativa. “Deste modo recollemos e satisfacemos a demanda do alumnado para afondar na formación orientada ás demandas específicias dos empregadores”, engadiu.

Calidade e atención personalizada

De cara a garantir a calidade e a atención personalizada, o obradoiro ponse en marcha con tan só sete alumnos que serán os que asistan ás sesións que impartirá o persoal de SIGA 98 e consistirán na realización de simulacións sobre a casuística ordinaria que acostuma a ser tratada polos xestores administrativos.

Coa celebración desta edición as xornadas acadan xa o seu cuarto aniversario, unha cifra que dende a organización valoran como “altamente positiva”, xa que, dunha parte, serviu para dar a coñecer o perfil dos Graduados en Dirección e Xestión Pública a colectivos e entidades diversas, públicas e privadas, que descoñecían as súas habilidades e capacidades derivadas da formación pluridisciplinar e “doutra parte, os nosos estudantes puideron coñecer de primeira man as demandas formativas de varias institucións e as oportunidades laborais ou formativas que lles ofrecen”, engadiu Cancela.