DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes do campus participaron nunha acción colectiva no Museo de Pontevedra

O alumnado do Grao en Educación Primaria imaxina o “museo do futuro”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/05/2021

O Museo de Pontevedra conmemorou este martes o Día Internacional do Museos a través dunha intervención artística, deseñada pola asociación Paspallás, que ao longo da xornada foi sumando as achegas de diferentes persoas e colectivos. Entre eles, as do alumnado do Grao en Educación Primaria que, na tarde deste martes, sumaron as súas creacións a esta intervención artística colaborativa, que convidaba a reflexionar e imaxinar “o museo do futuro”. Como explica a profesora Iciar Ezquieta, unha das responsables desta intervención, parte do alumnado da materia Educación artística desprazouse ata o museo para sumar as súas achegas á acción que se estaba levando a cabo na cristaleira de entrada do Edificio Castelao, mentres que aqueles e aquelas que non tiñan clase práctica nesta xornada “enviaron as súas propostas plásticas, que partían da intervención dunhas postais que se colocaron formando parte da intervención”.

Esta “acción comunitaria”, que se foi desenvolvendo ao longo da xornada, foi deseñada polas integrantes de Paspallás e docentes da Universidade de Vigo Begoña Paz e María Covadonga Barreiro, xunto coa tamén membro da asociación María Paz e a propia Ezquieta. “A idea base era que esta primeira intervención fora crecendo coa colaboración dos grupos convidados para lograr unha creación colectiva onde puideran estar as ideas e opinións de todos sobre o museo que temos”, explica Ezquieta dunha actividade que propuña “re-imaxinar o museo do futuro”.