DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A creación seguindo os principios do deseño universal centra un dos proxectos do programa 'Tangram'

O alumnado ideará mobiliario urbano pensando en todos e todas

Constituíronse na Casa das Campás os grupos multidisciplinares que participarán nun concurso de idea

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 14/05/2014

O deseño de mobiliario urbano de acordo cos principios do deseño universal é a meta que teñen os participantes e as participantes no proxecto Apostando polo deseño para tod@s, unha das iniciativas incluídas no programa sociocultural Tangram. Durante os próximos meses, os grupos multidisciplinares de alumnado do campus que na tarde deste mércores se constituíron na Casa das Campás idearán bancos, papeleiras ou colectores de acordo coas ideas de igualdade de uso, flexibilidade ou tolerancia a unha mala utilización para participar no concurso de ideas do que sairán os proxectos que a finais de ano se presentarán á industria.

A idea de desenvolver “proxectos que cambien a nosa contorna” é pois o eixo central desta iniciativa, como salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, no acto de presentación deste proxecto. Así mesmo, Corbacho fixo énfase nas “grandes expectativas” que está a xerar Tangram, un programa promovido pola Vicerreitoría coa colaboración da Concellería de Cultura, que busca “poñer os coñecementos necesarios á disposición da cidadanía para xerar sinerxías que permitan mellorar a vida das persoas”. Na mesma liña pronunciouse a responsable de Cultura do Concello, Anxos Riveiro, que destacou a repercusión social que pode ter unha iniciativa que definiu como “un paso máis para intentar que o medio nos que vivimos sexa realmente para todos e todas”.

A igualdade de uso, a flexibilidade, a tolerancia aos erros no seu manexo, dispor dunha información perceptible, contar coas dimensións suficientes, un manexo intuitivo e que este requira pouco esforzo son os sete principios do chamado “deseño para todos” ou “deseño universal”, uns criterios baseados na accesibilidade e na diversidade que veñen sendo impulsados desde diferentes organismos internacionais. Aínda que estes principios son aplicables a todo tipo de produtos, neste proxecto “decidiuse limitalos aos diferentes elementos que forman parte do mobiliario dunha cidade, dado que a accesibilidade é unha aposta forte en Pontevedra”, explicou a responsable da dinamización deste proxecto, Rocío Gómez-Juncal.

Estudantes de distintas titulacións traballando man a man

Outro dos obxectivos centrais do proxecto, como destacou Corbacho, é do de “amosar ao alumnado a importancia de incorporar a interdisciplinariedade aos equipos e ás organizacións”, dado que o contexto actual “esixe pensar en novas formas de traballar, máis aló das antigas estruturas”. Neste senso, a participación nesta iniciativa de estudantado e profesorado dos diferentes centros do campus fixo posible que a composición dos equipos de traballo, “aos que se poderán sumar aquelas persoas que se vaian unindo a iniciativa, fose o máis heteroxénea posible”, salientou Goméz-Juncal. Con esta medida búscase “promover un traballo colaborativo, no que os integrantes teñan que confiar no profesional que teñen ao lado, porque vai aportar os seus coñecementos nunha área de traballo que o outro non coñece”, engadiu a dinamizadora do programa Tangram.

Durante os próximos meses, estes grupos traballarán nos seus deseño, que en outubro presentarán ao concurso de ideas no que se seleccionarán unha ou varias propostas coa idea “de que os produtos poidan saíra ao mercado nun futuro próximo”. A este respecto, Gómez-Juncal apuntou que no marco deste proxecto establecéronse contactos coa Confederación de Empresas da Madeira de Galicia (Confemadera), que amosou “o seu compromiso de estudar as propostas e, en caso de que sexan viables, facelas chegar ás empresas que traballan na fabricación de mobiliario urbano”.

Dous coloquios para ampliar coñecementos

Trala constitución dos grupos de traballo, este proxecto centrarase agora no seu programa formativo, do que forman parte os dous coloquios que a vindeira semana se desenvolverán na Casa das Campás. O primeiro deles terá lugar o vindeiro venres 23 na Casa das Campás e correrá a cargo de Francesc Aragall, presidente e fundador da Design For All Foundation, e Inma Bonet, secretaria desta organización dedicada a promover e difundir os principios do deseño accesible. Ao día seguinte, o sábado 24, a Casa das Campás acollerá ás 11.30 horas un coloquio sobre innovación e versatilidade no uso da madeira, no que participarán Azara Soilán e Montserrat Rodríguez, da Axencia Galega de Innovación CIS Madeira.

Apostando polo deseño para tod@s é unha das iniciativas incluídas no programa Tangram, que trata de proxectar na cidade o coñecemento xerado nas facultades e escolas do campus, e do que tamén forman parte Constrúe en verde, o proxecto de construción dunha caseta veciñal no barrio da Parda, e o Banco-Escola Universidade-Cidadanía, unha rede de intercambio de coñecementos e habilidades entre o alumnado e a cidadanía.